EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O godello valdeorrés, na feira Wines from Spain Fair en Londres

A iniciativa será promovida polo Concello do Barco, o CRDO Valdeorras e o Eixo Interior en colaboración co ICEX
O alcalde do Barco, Alfredo García, na rolda de prensa de presentación da cata de godellos en Londres./ Foto: Carlos G. Hervella.
O alcalde do Barco, Alfredo García, na rolda de prensa de presentación da cata de godellos en Londres./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Trátase de promocionar o godello de Valdeorras en Londres. Hai que trasladar a ese mercado emerxente que hai diferentes tipos de godellos nesta denominación de orixe e que todos teñen as súas peculiaridades e os seus prezos”. Deste xeito resumía o alcalde do Barco, Alfredo García, o obxectivo da cata de viños de Valdeorras que terá lugar o vindeiro 26 de febreiro ás catro da tarde no marco da Feira “Wines from Spain Fair 2015”, que se desenvolverá no recinto de Tobacco Docks, na capital británica.

Será unha das dúas catas do certame (a outra estará centrada nos viños de Jerez) e será dirixida por Sarah Jane Evans, considera unha das principais autoridades do mundo do viño e unha gran especialista do viño español. É asemade presidenta do prestixioso Instituto Masters of Wine e unha recoñecida xornalista.

Nesta cata os 50 profesionais participantes valorarán dez godellos: Alento 2012 e Dona Delfina Godello (Roandi), 200 Cestos Godello 2013 (A Coroa), Viña Abad 2014 e Aurensis 2012 (Cooperativa Jesús Nazareno), Joaquín Rebolledo 2014, Via Nova 2013 e Pagos de Galir (Virxe de Galir), Avanthia 2013, Godeval cepas vellas 2013, As Sortes Val do Bibei 2013 (Rafael Palacios) e Bioca 2014 (B. María Teresa Núñez Vega).

O alcalde do Barco presentaba a feira en rolda de prensa e adiantaba a súa intención de continuar traballando noutras accións de promoción do viño Valdeorras. Entre elas baralla a posibilidade de promover unha misión de profesionais ingleses do mundo do viño á D.O. Valdeorras. “Custou moito traballo sacar este proxecto adiante e espero que os resultados se traduzan en que os importadores empecen a demandar godellos valdeorreses”.

Esta cata será promovida polo Concello do Barco, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeoras e o Eixo Interior en colaboración co ICEX.

Artigos relacionados

Back to top button