CulturaCulturaÚltima hora

O grupo barquense Meh Teatro estrea mañá a súa primeira obra

A primeira obra desta agrupación xuvenil poderá verse o 1 de xullo ás 21h. no Teatro Lauro Olmo
Cartaz da obra de teatro "Sen rumbo".
Cartaz da obra de teatro “Sen rumbo”.

Tres personaxes da literatura infantil abandonan as súas respectivas orixes e deciden probar sorte facendo teatro. A idea é levar as súas obras polos pequenos concellos, pero danse conta de que non teñen fondos suficientes e necesitan devolver o rumbo á súa vida. Ata que unha repentina chamada de teléfono colocaraos entre a espada e a parede. Esta é a trama pola que avanza “Sen Rumbo” a obra de teatro coa que o grupo xuvenil barquense Meh Teatro (Miguel García, Sara Fernández e Jorge Moral) lánzase ao mundo da interpretación.

De recente creación, Meh Teatro fórmano un grupo de amigos que “despois de crecer persoalmente en diferentes ramas artísticas (danza, debuxo e interpretación) decidían facer realidade aquel desexo que sempre comentabamos de broma: crear o noso propio grupo de teatro e botarnos á mar”, tal como eles mesmo explican. Coa colaboración de Gargallada Teatro lograron dar forma a un formato que chaman “teatro de Berlingo, porque todo as nosas representacións caben dentro dunha furgoneta”, explican, engadindo que son un grupo 100% autoxestionado.

Co obxectivo de “reinventar o xeito de facer teatro, dende o apartado afeccionado, logrando coas nosas propias mans unha peza teatral completa”, entre os tres escriben, montan e dirixen as súas obras que sempre inclúen crítica social “queremos facer pensar”, aseguran.

E así nace “Sen Rumbo”, unha obra que non ten idade e que se estrean mañá, venres 1 de xullo, no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás 21 horas. “Porque os príncipes azuis destiñen, os lobos confúndese coas avoas e xa non hai miolos por mor da crise…”

Artigos relacionados

Back to top button