EconomíaEconomíaÚltima hora

O Grupo Cuevas e Xantar promoven o concurso gourmet “Xoves Centenarios”

O prazo de recepción de receitas para este certame, cuxos finalistas elaborarán o seu prato en directo durante o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, concluirá o 24 de xaneiro
Imaxe do ganador da pasada edición deste certame, durante a entrega de premios.

Impulsar a cociña autóctona a través dos produtos gourmet e das materias primas galegas de calidade. Esta é a finalidade do 5º Concurso Gourmet “Xoves Centenarios” , que promoverá o Grupo Cuevas (con motivo do seu 150 aniversario) no marco de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 1 e o 5 de febreiro en Expourense.

Este certame está aberto tanto a cociñeiros profesionais como a afeccionados. O prazo para presentar as receitas nel concluirá o 24 de xaneiro e os finalistas elaborarán os seus pratos en directo durante Xantar. As bases de participación deste concurso xiran en torno “ás máximas que construíron a identidade de Grupo Cuevas ao longo da súa historia: a innovación e a experiencia, a modernidade e a tradición, o emprendemento, a alimentación a e a solidez dun grupo netamente ourensano”, explican dende Expourense.

Segundo as bases, poderán presentarse ao concurso todas as personas maiores de 16 anos, afeccionados ou profesionais, cuxa participación pode ser a título individual ou representando a unha asociación, escola ou colectivo. Os concursantes deberán preparar unha receita que conteña un produto gourmet galego e produtos de Calidade de Galicia.  As persoas interesadas podrán presentar a súa solicitude para o concurso en Expourense, no teléfono: 988 36 60 30 ou ben a través do correo marketing@expourense.org, ata as 13.00 horas do martes 24 xaneiro.

As receitas finalistas deberán ser elaboradas polos concursantes diante dun xurado durante a celebración de Xantar. Na valoración das receitas terase en conta a dificultade, o número de ingredientes, a orixinalidade ou o a presentación e o emprego das máximas e dos obxectivos propostos polo Concurso “Xoves Centenarios”.  O xurado estará constituído por representantes do Comité Asesor de Xantar 2017, representantes de escolas de hostelería e prensa especializada.

Os premios serán entregados durante a clausura de Xantar, o domingo 5 de febreiro. Consisten en vales de compra en establecementos do Grupo Cuevas e estadías en balnearios de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button