CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O grupo de teatro do IES Martaguisela representará “Metateatro” no Barco

Esta peza porase en escena o vindeiro 5 de xuño ás 20:30h. no Teatro Lauro Olmo
Cartel da obra de teatro.

Volven ao escenario un curso máis cunha nova proposta. Desta volta o grupo de teatro do IES Martaguisela do Barco aposta por “Metateatro”, unha reposición da obra escrita pola profesora de Música, Marta Cortés, que xa se representara no ano 2014. Nela cóntase a historia dunha compañía teatral “disparatada que soporta as ínfulas de grandeza dun tiránico director de escena, as relacións entre os actores e actrices poñen a nota de esperanza no ser humano, ás veces insensible e cruel, pero tamén solidario, bo e xeneroso co seu próximo”, adianta a autora do texto teatral.

A peza representarase o vindeiro 5 de xuño ás 20:30h. no Teatro Lauro Olmo, unha función á que está convidada a “comunidade educativa e tamén toda a cidadanía barquense”, aseguran dende o IES Martaguisela, que agradece ao Concello do Barco “a colaboración que presta ano tras ano a esta actividade”.

Nesta obra contarase cun elenco de 16 actores e actrices, alumnos do instituto: María Santos, Marta Cao, David Cao, Miguel Ortiz, Ana Briz, Ana Neira, Inés Cao, Candela Fusaro, Uxía Núñez, Óscar Navas, Marina Fernández, Antela Roo, Emily Bejarano, Zoe Ramos, Julia Barrio e Amlau Rodríguez.

Con esta actividade teatral, o instituto pretende, “á par que potenciar o uso do galego na escena teatral, reivindicar os valores do traballo en grupo, a lealdade, a humildade e compañeirismo”.

Artigos relacionados

Back to top button