PolíticaÚltima hora

O grupo municipal do BNG do Barco pedirá en pleno adicar os novos nomes de rúas a figuras femininas

Vén de presentar unha moción que se someterá a votación no pleno municipal

O concelleiro nacionalista, Suso Vilasánchez, durante unha sesión plenaria no Barco./ Foto: A.R.

 

O BNG vén de presentar unha moción a través do seu concelleiro na Corporación do Barco, Suso Vilasánchez, para solicitar no pleno que se lles adiquen “as próximas prazas ou rúas que se constrúan, así como calquera modificación de nomes das rúas do concello do Barco a figuras femininas até lograr unha paridade coas masculinas”.

Na exposición de motivos da súa moción sinala que “non é preciso facer referencias explícitas ás desigualdades que afectaron negativamente ás mulleres ao longo da historia: son tantas e tan profundas que para conmemorar a loita das mulleres pola participación en pé de igualdade co home en todos os aspectos socio-económicos, a ONU declarou no ano 1975 o día 8 de marzo como Día Internacional da Muller”.

E, centrándonse máis no ámbito local, Vilsánchez comenta que “se pedísemos un plano do rueiro do noso concello nas oficinas municipais, poderiamos contar sobre 35 rúas ou prazas adicadas a homes e 7 adicadas a mulelres, o que é un claro exemplo discriminatorio e invisibilizador da muller. Por todo isto e tendo en conta que nós non somos os responsables da historia que nos precede, pero somos responsables da historia que se escriba dos nosos días, e da necesidade de corrixir estas situacións é polo que o BNG” plantexa esta moción.

Aínda que esta iniciativa non figura da orde do día da sesión plenaria desta tarde de 5 de marzo podería igualmente someterse á votación nela sempre e cando a corporación ratifique a súa urxencia para incluíla no pleno.

 

Artigos relacionados

Back to top button