PolíticaÚltima hora

O grupo socialista no Parlamento galego estrutúrase para “traballar por Galicia na lexislatura da reconstrución”

Gonzalo Caballero exercerá como voceiro, a ourensá Marina Ortega ocupa a vicesecretaría da Mesa, ademais de levar a área de Política Social; e Pablo Arangüena, Paloma Castro e Luis Álvarez serán voceiros adxuntos

Deputados do grupo socialista no exterior do Parlamento galego.

 

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de estruturar as súas portavocías para “traballar por Galicia” na que “ten que ser a lexislatura da reconstrución económica e social por mor da crise derivada da pandemia”.

Deste maneira, Gonzalo Caballero exercerá como voceiro do grupo, acompañado por Pablo Arangüena; Paloma Castro e Luis Álvarez como voceiros adxuntos na Cámara galega. Así, o líder dos socialistas galegos intervirá nas sesións de control ao presidente da Xunta, participará nos debates do estado da autonomía e combinará a súa labor parlamentaria con visitas ao territorio e xuntanzas cos distintos colectivos: “estaremos coa xente para impulsar a saída desta crise”.

No marco dunha tarefa de oposición “leal con Galicia e contundente na defensa do benestar dos galegos para que ninguén quede atrás”, o PSdeG prestará especial atención aos eidos social, económico e sanitario e repartirá as áreas atendendo ao perfil de cada deputado ou deputada.

Distribución de áreas entre os deputados socialistas

De Política Social farase cargo Marina Ortega Otero, que actualmente exerce como vicesecretaria da Mesa do Parlamento e secretaria de Política Social do PSdeG. É psicóloga de profesión e foi concelleira de Servizos Sociais no Carballiño.

Pola súa banda, o verinense Juan Carlos Francisco Rivera asumirá a área de Economía, Consumo e Facenda, xunto á de Vivenda e Ordenación do Territorio; e o arousán Julio Torrado repetirá á fronte da portavocía de Sanidade, levando tamén as cuestións relativas a marisqueo na comisión de pesca.

Compartirán espazos de traballo coa avogada laboralista Carmen Rodríguez Dacosta, que se encargará de Emprego; co enxeñeiro industrial Martín Seco, á fronte de Industria; con Paloma Castro, voceira de I+D; Leticia Gallego, responsable de Comercio e Turismo; e Patricia Otero, con Infraestruturas e Transportes.

En paralelo, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, farase cargo de Medio Ambiente e do relativo á Administración autonómica e á Política Exterior, mentres a avogada Paloma Castro, secretaria de Xustiza do PSdeG, asumirá Interior, Xustiza, Cooperación e Mocidade. Luis Álvarez, secretario de Educación na executiva socialista e docente de profesión, levará así mesmo a portavocía de Educación máis a de Función Pública.

O ámbito de Igualdade recae na compostelá Noa Díaz, xornalista, que tamén traballará en Cultura, Lingua e Universidade; e a viguesa Isaura Abelairas farase cargo de LGTB, Voluntariado, Cooperación e Emigración. Pola súa banda, Begoña Rodríguez Rumbo, economista, levará os Orzamentos e a área de Administración local.

Os sectores primarios terán como cabezas visibles a Martín Seco, que será voceiro de Agricultura e Forestal; a Carmen Rodríguez Dacosta, con Gandería; e á mariñá Patricia Otero á fronte de Pesca.

Artigos relacionados

Back to top button
Close