PolíticaÚltima hora

O grupo socialista no Parlamento galego urxe á Xunta a pedir a declaración de zona catrastrófica para os lugares afectados polos lumes

A parlamentaria socialista Carmen Dacosta./ Cedida.

 

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu hoxe á Xunta a pedir a declaración de zona catastrófica das zonas afectadas polos lumes forestais. Presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar a reformulación do sistema de xestión forestal “cun servizo de prevención único, profesional e equipado dependente da Xunta, que conta cos recursos orzamentarios necesarios”.

A responsable socialista instou á Xunta a seguir o camiño marcado polos concellos e a que “cumpra coas súas competencias para pedir a declaración de zona catastrófica na superficie arrasada polos incendios forestais. Esta fórmula”, explicou, “permitiría axilizar as axudas e medios necesarios para os veciños afectados polos incendios das provincias de Lugo e Ourense”.

Sinalou que estes incendios teñen posto sobre a mesa a “gran debilidade do servizo de prevención e defensa contra os incendios, focalizado polo goberno galego na extinción no canto de adoptar medidas preventivas antes de que comecen os lumes”. Reivindicou un “servizo único, profesional e equipado dependente da Xunta, que é quen conta cos recursos necesarios”.

Engadiu a necesidade de “empregar unha cantidade moito máis importante na prevención que na extinción, logo de que o informe do Consello de Contas de 2016 sinalara que debera ser gastado o 87 por cento en prevención e o 13 por cento en extinción, xusto o contrario do que fai a Xunta”, din os socialistas.

Rodríguez Dacosta chamou a “reformular a xestión forestal e a que unha vez acabado o problema e estes incendios, poñer enriba da mesa os problemas estruturais do mundo rural, que afronta uns incendios de sexta xeración cun modelo de extinción máis propio dos anos 90 por parte do goberno galego”. Reivindicou así “unha xestión sostible que combine os eixos económico, medioambiental e social” e, advertiu, “se non se reformula os lumes seguirán a ser catastróficos”.

A parlamentaris socialista comezou amosando a solidariedade dos socialistas galegos cos milleiros de veciños e veciñas desprazados polos lumes e que viron as súas propiedades afectadas polas chamas. Tamén agradeceu o labor dos traballadores e traballadoras que están a loitar contra os incendios forestais, poñendo a súa vida en perigo, así como cos voluntarios desprazados a Galicia para axudar nesta tarefa.

Artigos relacionados

Back to top button