PolíticaÚltima hora

O grupo socialista provincial critica “o sistemático abandono das infraestruturas do oriente ourensán por parte da Deputación”

Deputados provinciais socialistas visitaban esta semana a estrada de San Agostiño, en Viana do Bolo

Publicidade

 

O PSdeG-PSOE vén de emitir unha nota de prensa na que denuncia o “sistemático e neglixente abandono” do goberno da Deputación de Ourense das infraestruturas do oriente da provincia e, por iso, teñen previsto promover no pleno provincial de xullo unha iniciativa para pedir a súa “mellora inmediata”, tras “décadas de abandono, desleixo e afronta absoluta do PP contra algunhas das comarcas máis relevantes para a nosa industria ou o noso turismo”, din os socialistas.

Os deputados socialistas consideran “inadmisible” que a Deputación manteña nesta “caótica e turbia situación algunhas estradas e infraestruturas de Valdeorras, Viana ou Trives, territorios clave para a nosa economía, pola súa importancia nos sectores industrial ou turístico”. E destacan casos concretos como o de Vilamartín de Valdeorras, “con graves problemas de acceso a San Vicente durante os últimos trinta anos ou as graves eivas que presentan estradas de titularidade provincial que dan acceso ás canteiras e minas de lousa de Carballeda e O Barco, así como ás zonas de alta montaña de Trives e Manzaneda. No caso concreto de Viana do Bolo, é intolerable que unha estrada como a de San Agostiño, que soporta unha importante carga de tráfico de turismos e mercadorías, estea nunha situación máis propia dun territorio en guerra”.

O grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación vén de visitar na compaña da Agrupación Socialista de Viana do Bolo a estrada de San Agostiño e resaltaba o “grave estado de deterioro que presenta”.

O membro da Agrupación Socialista de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, lembra que a “grave” situación que presenta a estrada de San Agostiño “vén de tempo atrás”. Comentaba as xestións realizadas ata lograr un convenio para a súa reforma e que o pasado mes de outubro, fíxose un prego para sacar a concurso a obra, que foi adxudicada, pero “a nosa sorpresa é que dende entón e ata hoxe só se puxo un cartel anunciador da obra, o que nos amosa que parece que a Deputación son como os reis magos, primeiro mandan as estrelas e logo veñen eles”. Neste senso, o membro do PSdeG-PSOE vianés destaca que “en outubro a empresa ten que ter entregada a obra e estamos en xullo e as obras aínda non comezaron, polo que dubidamos que estean rematadas en 2 ou 3 meses”.

Dende o PSOE de Viana do Bolo teñen claro que se “non se cumpren os prazos e se entrega a obra perfectamente rematada, solicitaremos a anulación do convenio, que a estrada pase a poder de Endesa e que os cartos depositados polo Concello na Deputación se devolvan”. E destacan que dende o PSOE “fixemos todas as xestións para que a estrada non caese no esquecemento e imos a seguir facendo presión para que se arranxe”.

Pola súa banda, o deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Aurentino Alonso, apunta a que veciñanza “leva moitos anos sufrindo esta situación, coas fochancas aumentando e o mantemento da estrada completamente abandonado”.

O PSdeG-PSOE considera que a Deputación de Ourense debería incrementar os cartos dedicados ao mantemento das estradas provinciais. “É necesario unha análise de necesidades polo miúdo e un plan técnico equitativo, que permita solucionar as reiteradas carencias das que se queixan moitos veciños e veciñas”. Ademais os socialistas apuntaban “a imperiosa necesidade dun servizo público de conservación de calidade”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button