CulturaCulturaÚltima hora

O grupo teatral ourensá Muxicas presenta no Barco a comedia “O inspector”

Esta peza, con texto de Nikolai Gogol e dirección de Tito Asorey, poderá verse este venres 16 de novembro ás 21h) no Teatro Lauro Olmo
Unha das primeiras escenas da obra “O inspector” de Muxicas./ Imaxe: Muxicas.

Chega a nova á cidade de que apareceu un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudo sobre a limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes. O lugar está gobernado por políticos corruptos que, ante a noticia, son presa do pánico e deciden eliminar todas aquelas probas que os puideran comprometer. Así comeza a obra “O inspector”, de 60 minutos de duración, que o grupo teatral Muxicas, composto por actrices e actores invidentes pertencentes á ONCE en Ourense, representará o vindeiro 16 de novembro ás 21h. sobre o escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco.

“O inspector” é unha comedia de ritmo frenético, onde un elenco de dez actores dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolái Gógol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey. Con esta obra o grupo vén de gañar o Premio do Público na XI Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” do Carballiño hai só uns días.

O grupo teatral ourensán Muxicas

Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores cegos ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte de traxectoria. Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey, co que levan postos en escena nove espectáculos que puideron ser vistos en escenarios de todo o país. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.

O obxectivo desta agrupación artística é dobre: “dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, eliminando os prexuízos e os falsos mitos existentes respecto ao mundo da cegueira, e doutra, traballar cunha vontade claramente artística, unindo esforzos para ofrecer espectáculos que poidan ser disfrutados por todo tipo de público, independentemente de que sexa vidente ou invidente”, tal e como explican.

 

Artigos relacionados

Back to top button