Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

O HCV acolle a exposición “25 anos da transferencia do Sergas en Ourense”

Inaugurábase na mañá do 9 de maio e estará instalada ao longo de tres meses nos corredores do hospital valdeorrés

A evolución do sistema e da estrutura sanitaria da provincia no último cuarto de século pode percorrerse visitando a exposición “25 anos da transferencia do Servicio Galego de Saúde en Ourense”, instalada no Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), no Barco. Este traballo, elaborado pola Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco; vén de realizarse con motivo do 25 aniversario da transferencia das competencias en materia sanitaria á Xunta de Galicia.

A exposición inaugurábase na mañá do 9 de maio coa presenza da xerente de xestión integrada ourensá, Eloína Núñez; do xerente do hospital barquense, Ciro Cabezas; así como coa asistencia de persoal sanitario, dun dos ex xerente do hospital, Ramón Ares, e tamén de varios alcaldes de Valdeorras. O percorrido foi guiado por Carlos Bermello, membro do gabinete de prensa do Sergas en Ourense e un dos elaboradores da mostra.

Tras estar exposta na rúa do Paseo na cidade de Ourense, a mostra chega agora ao hospital valdeorrés, onde permanecerá uns tres meses. A mostra parte dunha contextualización do momento histórico no que se produce a transferencia sanitaria e despois analiza os importantes cambios que supuxo na evolución da sanidade na provincia. Inclúe asemade un apartado específico sobre a área sanitaria do Barcoe sobre a posta en marcha e desenvolvemento do HCV. Tamén se toca o futuro da sanidade provincial co proxecto do Hospital 2050.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button