SanidadeÚltima hora

O HCV terá o novo TAC nuns meses

O anuncio facíao a xerente de xestión integrada ourensá na presentación dos datos asistenciais da provincia que amosan que Ourense continúa a reducir a súa espera media para acceso ás probas diagnósticas máis demandadas
A xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco (a segunda pola dereita), con responsables do HCV, na presentación./ Foto: Carlos G. Hervella.
A xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco (a segunda pola dereita), con responsables do HCV, na presentación./ Foto: Carlos G. Hervella.

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco presenta un dos mellores datos de espera media de Galicia en consultas e intervencións. Así o explicaba, detallando dato a dato, a súa xerente, Eloína Núñez Masid, nunha presentación realizada no salón de actos do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) na mañá do 31 de outubro. Neste acto, no que estivo acompañada pola xerente executiva de Valdeorras, Guillermina Agulla; fixo balance da actividade asistencial e de xestión do último trimestre na provincia.

Na súa exposición analizaba as cifras, de xeito comparativo con anos anteriores e tamén no marco provincial e galego, de datos da área cirúrxica, de diagnósticos, atención primaria e vías rápidas e urxencias. Para Eloína Núñez estes bos resultados responden ao importante esforzo realizado por todos os servizos, tanto médicos como cirúrxicos e centrais, para afondar no funcionamento de cada departamento, cambiando seus sistemas de traballo, desde os puntos de vista organizativo, de xestión e asistencial, cara unha asistencia mais áxil e eficiente, e do compromiso dos profesionais en prol dun modelo mais resolutivo, integrando na súa carteira de servizos as consultas de acto único ou alta resolución e ás e-consultas, mediante telemedicina.
“Isto consiste en cambiar a forma de traballar, co mesmo número de recursos conseguimos que os pacientes esperen menos. Traballando doutra maneira podemos lograr mellores resultados”, destacaba.

Ademais a xerente de xestión integrada ourensá adiantaba, aínda que sen matizar datas, que “nuns meses o TAC estará no HCV. Fíxose a través dun concurso centralizado e por iso se foi retrasando”. Tamén anunciaba que en Valdeorras se vai poñer en marcha en breve a hospitalización a domicilio”.

Reunión cos alcaldes da área sanitaria de Valdeorras, no HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.
Reunión cos alcaldes da área sanitaria de Valdeorras, no HCV./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras a facer públicos os datos asistenciais, Eloína Núñez mantiña unha xuntanza no mesmo HCV cos alcaldes da área sanitaria de Valdeorras para abordar a situación e as necesidades desta zona.

Artigos relacionados

Back to top button