DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O hóckey sobre patíns volve a Valdeorras da man de APG Bierzo

En torno a 40 nenos asisten ao campus organizado polos irmáns Sariol, na Rúa

Toni Sariol fundou en 2011 o club APG, un proxecto deportivo e educativo centrado no hóckey sobre patíns que hoxe dirixen os seus fillos Carla e Álvaro (ambos cunha ampla traxectoria profesionala nivel nacional), pasando dun único equipo aos sete que teñen na actualidade con algún máis en proxección, un deles de Valdeorras, para a tempada 2019/2020.

Así o explicaba Carla Sariol no pavillón polideportivo da Rúa, onde están impartindo un campus de dúas semanas de duración (esta semana e a que vén), que xurdía precisamente coa idea de crear un equipo da comarca. “A sede do club está no Bierzo pero competimos na liga galega e o equipo desta zona contará cuns 12 nenos do Barco e da Rúa”, asegura Carla emocionada pois é coñecedora da tradición que houbo hai anos na Rúa por este deporte aínda que agora é bastante descoñecido.

 

Asistentes ao campamento de hóckey, no pavillón da Rúa.

 

Precisamente para dalo a coñecer á poboación e conseguir que se animen máis nenos (no campus hai 40 de entre 7 e 12 anos, do Bierzo, Bembibre e Valdeorras principalmente), na tarde do 28 de xuño disputaban un partido exhibición entre dous equipos formados polos propios monitores do campus. No equipo “All Stars” que finalmente levaban a vitoria xogaron Lia, Andrea, Miriam, Luis e Iratxe; e no “Toni Sariol”, Álvaro, Carla, Julia, Triana e Sara.

Despois desta primeira semana, o programa do campus que conta coa colaboración do Concello da Rua, continuará en xullo con técnicas de patín e stick pola mañá, piscina, xantar e partidos (Mundialito) pola tarde. A propia Carla explica que o bo deste deporte é que é mixto ata os 18 anos, engadindo que se trata dunha disciplina de equipo na que o 80% é patinaxe e o 20 o stick “é un deporte moi rápido no que se nota moi pronto a evolución porque aínda que é necesario saber patinar, en poucos días nótase a mellora e a soltura”, asegura, sendo ademais unha actividade que fomenta o compañeirismo.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button