SanidadeÚltima hora

O Hospital Comarcal Valdeorras xa conta co “Carriño de Don Amable”

O responsable da EOXI de Ouense, Dionisio López, vén de asinar no Barco un convenio de colaboración e voluntariado coa AECC, promotora desta iniciativa

Despois do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV) será o segundo centro da provincia en contar co “Carriño Don Amable”. Trátase dunha iniciativa que impulsaba por vez primeira en Galicia a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense no 2006-2007, a proposta dunha voluntaria, e que, dende entón está tendo unha excelente acollida. Agora dase un novo paso no Barco, tras a sinatura dun convenio de colaboración e voluntariado entre o responsable da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Dionisio López Bellido, e a AECC na mañá do 10 de maio no HCV.

O “Carriño Don Amable” (que porta caramelos, infusións, cafés…) funcionará os martes e os xoves no hospital valdeorrés, que é cando hai servizo de quimioterapia, e será posible grazas á colaboración de cinco voluntarias da zona da AECC. “É unha excusa, o que queremos é chegar aos pacientes oncolóxicos, aos seus familiares, a máis pacientes, que nos coñezan más e poder abranguer e axudar a un maior número de xente. Iso xa se conseguiu en Ourense e agora pretendemos facer o mesmo no Barco”,  explicaba no acto da sinatura Belén Pérez, coordinadora de Voluntariado Hospitalario da AECC.

Pola súa banda o responsable da EOXI ourensá, o doutor López Bellido, apuntaba que “cando se pon unha semente, a pouquiño que se regue, vai medrando e, como acabas de dicir,  isto empezou en Ourense e despois foi implantándose en Coruña, Pontevedra e Lugo. Eu levo defendendo durante moito tempo que Ourense é a primeira EOXI de Galicia e estas cousas vánnolo demostrando”. Ademais agradecía a xenerosidade das voluntarias. “Queremos que sexades o noso exemplo, porque desa xenerosidade aprenderemos”, concluía.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button