SanidadeÚltima hora

O Hospital de Ourense acolle por vez primeira a defensa da tese dun dos seus especialistas

O especialista do Servizo de Dixestivo Noel Pin deu lectura hoxe no salón de docencia “Cabaleiro Goás” da súa tese sobre a precisión diagnóstica do test de sangue oculta

 

Noel Pin Vieito, especialista do Servizo de Dixestivo converteuse hoxe na primeira persoa que defende unha tese doutoral directamente no Hospital Universitario de Ourense, algo que sucede moi excepcionalmente fora das universidades. A tese de Noel Pin “Precisión diagnóstica do test inmunolóxico cuantitativo para a detección de sangue oculta en feces e a súa utilidade na detección do cancro colorectal no paciente con síntomas dixestivos” foi dirixida polo doutor Joaquín Cubiella Fernández, do Servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e responsable do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva del IIS Galicia Sur, que precisamente conta coa súa sede no hospital ourensán.

Os membros do tribunal desta tese que se enmarca no programa de doutoramento de Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida da Universidade de Vigo, foron a doutora Loretta Chiara, do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, Enrique Quintero, especialista en aparello dixestivo e catedrático de Medicina da Universidade de La Laguna (Tenerife) e Angel Lanas, catedrático de Medicina da Universidade de Zaragoza e xefe do Servizo de Dixestivo do Hospital Clínico Lozano Blesa, de Zaragoza. Estes dous últimos asistiron telematicamente a lectura por unha incidencia de última hora xa que estaba prevista a súa presenza.

Terceiro cancro máis diagnosticado en homes e o segundo en mulleres, ademais, o de segunda causa de morte por cancro nos homes e a terceira nas mulleres, o cancro colorectal e a súa prevención precoz é o tema central dos esforzos en prol da investigación neste terreo e no que se encadra a tese de Noel Pin.

O reputado Instituto NICE do Reino Unido (National Institute for Health and Care Excellence – Instituto Nacional para a Saúde e a Atención) recomendou o uso, en atención primaria, dos test para a detección de sangue oculto en feces, que utilizan o método inmunolóxico cuantitativo (SOH-i), como axuda para valorar a orixe de síntomas dixestivos de nova aparición, non susceptibles de derivar a atención hospitalaria.

Uso dos test en atención primaria

Esta recomendación fundamentase na elevada precisión destes test para detectar cancro colorrectal, e diríxese especificamente a pacientes con síntomas de baixo risco en atención primaria. Non si, a maioría de estudos para avalar o seu uso realizáronse no medio hospitalario, por tanto cunha maior porcentaxe de pacientes con síntomas de alto risco.

Ademais, NICE non distingue por criterios como o sexo ou a idade do paciente e, igualmente, algúns resultados que indican unha elevada probabilidade de neoplasia avanzada de colon, non se corresponden co resultado posterior dunha colonoscopia de calidade, no que podría ser un falso positivo.

Este é por tanto o reto da tese presentada hoxe: determinar a precisión dos test de SOH-i para detectar cancro colorectal, naqueles pacientes que consultan pola aparición de síntomas dixestivos en atención primaria, así como obter información sobre o prognóstico dos pacientes cun falso positivo desta proba.

Poboación de Ourense e Donosti

Para o seu traballo doutoral, Noel Pin realizou unha revisión da literatura científica sobre a precisión deste test en pacientes con síntomas dixestivos, apreciando que mantén unha sensibilidade elevada e unha especificidade moderada para a detección de CCR en pacientes con síntomas, do mesmo xeito que sucede no cribado. A precisión estimada equipárase tamén á calculada, na práctica real, nos centros de atención primaria (obtidos a partir das bases de datos do laboratorio de análises clínicas e de documentación clínica) das provincias de Ourense e Guipúscoa.

Esta análise confirma tamén a elevada precisión diagnóstica destes test en Atención Primaria independentemente do centro, idade, sexo ou indicación. Paralelamente, en canto o prognóstico dos pacientes con síntomas, que tiveron un falso negativo no test (cunha colonoscopia que descarta cancro colorectal) non se aprecia que o uso do test supoña un factor de risco significativo.

Por todo elo os resultados obtidos tamén confirman que o test de SOH-i é a proba de elección para avaliar pacientes que consultan no seu centro de saúde pola aparición de síntomas dixestivos compatibles cun cancro colorrectal.

Artigos relacionados

Back to top button