En portadaSanidadeÚltima hora

O Hospital de Valdeorras prepárase para a “desescalada” e a volta á actividade normal

Durante estas semanas en Urxencias atendeuse a 289 pacientes con patoloxía compatible con Covid-19, dos que ingresaron en planta 162 e deron positivo en coronavirus 60, segundo este centro hospitalario

 

Tras un pico de máis de 20 pacientes ingresados por coronavirus a mediados de abril, o Hospital Público de Valdeorras, no Barco, vive agora unha situación “máis tranquila”, con nove ingresos neste 30 de abril.

“A situación foise reconducindo, podemos dicir que nas plantas hai un pouco máis de serenidade, baixamos o número de ingresados positivos, tamén se reduciu a actividade no servizo de Urxencias e estamos empezando coa desescalada, pouco a pouco. Comezaremos a retomar a actividade a partir do luns 4 de maio con moita prudencia, con moita calma e intentando facer as cousas de forma coherente”, aseguraba en rolda de prensa neste 30 de abril a directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez.

 

 

Xunto a ela, a coordinadora de Urxencias, a doutora María Jesús Gurriarán, explicaba o labor fundamental desenvolvido neste servizo e no de Medicina Interna durante esta emerxencia sanitaria e os diferentes circuítos e protocolos establecidos no centro hospitalario valdeorrés para facer fronte á pandemia.

“Neste tempo en Urxencias atendimos a 289 pacientes con patoloxía compatible co Covid-19, dos que foron dados de alta polo servizo de Urxencias, tanto para quedar na súa casa en confinamento ou dados de alta porque non tiñan nada, un total de 127”, explicaba a doutora Gurriarán.

Dos pacientes vistos en Urxencias, ingresaron directamente en planta 162. “Nestes ingresos fixéronse PCRs e tardaban uns días en darnos o resultado. Os positivos confirmados foron 60 e 88 que foron negativos. Déronse 75 altas de hospitalización, reingresos tuvimos 12, trasladamos a 13 pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), case todos pacientes de UCI case todos, e logo os exitus (falecementos) confirmados foron 16, 13 deles usuarios da residencia”, informaba a doutora María Jesús Gurriarán.

 

A doutora María Jesús Gurriarán, coordinadora de Urxencias do Hospital de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Foi moi, moi estresante”

A pandemia do coronavirus ten supusto un “estrés impresionante para o servizo de Urxencias e para Medicina Interna”, aseguraba a coordinadora de Urxencias, “os medios non eran os ideais e todo eran dúbidas, medos, pero pouco a pouco foise normalizando e agora a actuación ante un covid vén sendo como a dunha apendicite, máis ou menos. Xa estás acostumado a vestirte, a desvertirte e entón xa non provoca ese estrés que tiñamos ao principio, que foi moi moi estresante”.

Malia a redución dos casos, no hospital valdeorrés mantense a garda. “Segue todo en pé, pode haber un rebrote agora coa desescalada, pero, como diminuíu o volume, temos que retomar a actividade normal do hospital, empezar con quirófanos, consultas, e seguir a vida normal do centro. Estamos buscando circuítos separados de entrada ao hospital para, sobre todo, empezar con cirurxía menor, e con outras cousas que se facían antes”, indicaba María Jesús Gurriarán.

Dende a dirección do Hospital de Valdeorras, Margarita Rodríguez, agradecíase o labor da doutora Gurriarán, así como a de “todos os traballadores e a do comité clínico de seguimiento da pandemia. Traballaron con moita coherencia e serenidade”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button