En portadaÚltima hora

O Hospital de Valdeorras terá a partir de mañá un punto de recollida de mostras para facer o test COVID-19 sen baixarse do coche

Será o primeiro hospital comarcal en dispoñer del. Con esta xa son sete as unidade de recollida de mostras na Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, dúas fixas nos hospitais de Ourense e O Barco, e cinco móviles para a recollida de mostras a domicilio

Imaxe do punto para facer o test COVID-19 no Hospital de Ourense.

 

Mañá luns comezará a funcionar no Hospital Público de Valdeorras un novo punto fixo de recollida de mostras para o test de COVID-19 para o que no será preciso que os usuarios, previamente citados vía SMS, se baixen do coche, “o que ademais de axilizar a toma da mostra, minimiza os riscos de contaxio e optimiza o uso de equipos de protección individual (EPIs)”, segundo informa o Sergas en Ourense.

O novo AutoCov, como se están a coñecer en Galicia estes dispositivos, estará instalado diante da entrada de Rehabilitación, nunha zona separada doutras áreas asistenciais, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se rexistra a mostra, quedando todo o proceso reflectido na historia clínica electrónica.

Desde mañá a porta de entrada a Rehabilitación quedará reservada para uso do equipo de recollida de mostras, formado por unha enfermeira e unha técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) en cada quenda, estando en principio previsto que funcione en horario de mañá e tarde.

A entrada de pacientes de rehabilitación realizarase pola porta de consultas externas. Mentres que o acceso de vehículos ao AutoCov realizarase con entrada pola Rúa Condesa de Fenosa e saída por Eulogio Fernández.

Cita por SMS con hora e xeolocalizador

Ao igual que o outro dispositivo en funcionamento en Ourense, seu obxectivo é axilizar a recollida das mostras dos pacientes con poucos síntomas e autonomía, aos que se lle indica a realización da proba, ben desde o 061 ou polo médico responsable, e que recibirán nas próximas horas un SMS, coa hora da cita e a xeolocalización do punto exacto ao que deben acudir. Nunca a demanda do propio usuario.

Con esta xa son sete as unidade des recollida de mostras na Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, dúas fixas nos hospitais de Ourense e O Barco, e cinco móviles para a recollida de mostras a domicilio, formados cada un por un persoal de enfermería e un técnico de microbioloxía, unidades que seguirán traballando para achegarse para os pacientes con vivenda en puntos alonxados dos AutoCov, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

“O novo sistema, coordinado polo Servizo de Medicina Preventiva, ao igual que o resto de unidades a domicilio, permite axilizar os tempos de recollida da mostra ao posibilitar que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos EPIs, xa que, mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, neste caso, os profesionais so precisan un único equipo por quenda de traballo, e diminúense tamén os riscos ao realizarse de xeito individual e con só baixar a xanela do vehículo”, segundo o Sergas.

Primeiro Hospital Comarcal con AutoCov

O novo sistema no que o sistema público de saúde de Galicia é pioneiro no estado, estase a implantar en distintos hospitais autonómicos, sendo o de Valdeorras o primeiro dos comarcais en dispoñer del.

Desde a Dirección da Área Sanitaria faise público “o agradecemento ao equipo de persoal do Hospital Público de Valdeorras, especialmente a Enfermería, que en colaboración cos servizos de Medicina Preventiva, Microbioloxía e Sistemas da Información foron capaces de habilitalo nun tempo récord”.

O punto estará en funcionamento en horario de mañá e tarde tódolos días da semana, incluídos fins de semana e festivos, para dar resposta ao incremento da demanda de recollida de mostras, desde o inicio da pandemia.

Artigos relacionados

Back to top button