En portadaÚltima hora

O Hospital de Verín abre un punto de recollida de mostras do test COVID-19 sen baixarse do coche

Funcionará en horario de mañá e tarde, e realizarán tamén saídas a domicilio para recoller mostras dos pacientes que polas súas condicións de saúde, idade ou autonomía así o requiran

 

Exterior do Hospital de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta mañá vén de poñerse a funcionar no Hospital Público de Verín un novo punto fixo de recollida de mostras para o test de COVID-19, para o que no será preciso que os usuarios, previamente citados vía SMS, se baixen do coche, o que ademais de axilizar a toma da mostra, minimiza os riscos de contaxio e optimiza o uso de equipos de protección individual (EPIs).

O novo CovAuto, como se están a coñecer en Galicia estes dispositivos, está instalado diante da entrada de Instalacións, nunha zona separada doutras áreas asistenciais, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se rexistra a mostra, quedando todo o proceso reflectido na historia clínica electrónica.

O equipo de recollida de mostras do Hospital de Verín, formado por unha enfermeira e unha técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) en cada quenda, funcionará en horario de mañá e tarde, e realizarán tamén saídas a domicilio para recoller mostras dos pacientes que polas súas condicións de saúde, idade ou autonomía así o requiran.

O acceso en coche está sinalizado no interior do recinto para ir directamente ao punto de recollida.

Cita por SMS con hora e xeolocalizador

Os tres dispositivos en funcionamento, en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, teñen por obxectivo axilizar a recollida das mostras dos pacientes, con poucos síntomas e autonomía, aos que se lle indica a realización da proba, ben desde o 061 ou polo médico responsable, tras o que reciben un SMS, coa hora da cita e a xeolocalización do punto exacto ao que deben acudir. Nunca se realizan a demanda do propio usuario.

Con esta xa son oito as unidade de recollida de mostras na Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, tres fixas nos hospitais de Ourense e O Barco, e cinco móbiles (ás que tamén se suman as de Barco e Verín cando é preciso en áreas próximas) para a recollida de mostras a domicilio, formados cada un por un persoal de enfermería e un técnico de microbioloxía, que seguirán traballando para achegarse para aos pacientes con vivenda en puntos alonxados dos puntos fixos, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

O novo sistema, coordinado polo Servizo de Medicina Preventiva, ao igual que o resto de unidades a domicilio, permite axilizar os tempos de recollida da mostra ao posibilitar que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos EPIs, xa que, mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, neste caso, os profesionais so precisan un único equipo por quenda de traballo, e diminúense tamén os riscos ao realizarse de xeito individual e con só baixar a xanela do vehículo.

Os tres hospitais de Ourense con CovAuto

O novo sistema no que o sistema público de saúde de Galicia é pioneiro a nivel estatal , estase a implantar nos distintos hospitais autonómicos, e algúns dos comarcais. No caso de Ourense, implantado en ambos.

Desde a Dirección da Área Sanitaria desexase facer público o agradecemento ao equipo de persoal do Hospital Público de Verín, especialmente á Enfermería, que en colaboración cos servizos de Medicina Preventiva, Microbioloxía e Sistemas da Información responsables da súa posta en marcha.

Artigos relacionados

Back to top button