SanidadeÚltima hora

O Hospital Público de Valdeorras conta cun novo ecocardiógrafo

Está dotado dunha nova aplicación pode realizar probas cardiolóxicas para pacientes oncolóxicos -sen necesidade de traslados- ven xunto a outro equipo de estudos de mama, xinecolóxicos e de seguemento do embarazo, segundo Sanidade

 

A Consellería de Sanidade vén de emitir unha nota de prensa na que informa de que esta semana “os técnicos de electromedicina deixaban instalado e operativo o novo ecocardiógrafo que permitirá realizar algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos, a tratamento directamente no Hospital Público de Valdeorras, polo que a partir de agora xa non terán que desprazarse desde O Barco”.

Tamén informan dun “novo ecógrafo xinecolóxico que, dotado con software de última tecnoloxía, e tres sondas, permite a realización de estudos de mama, complementando as mamografías, ademáis doutras probas xinecolóxicas e tamén de seguemento do embarazo.

Por outra banda, o Hospital Público de Valdeorras dispón do novo equipamento radio-cirúrxico, para uso intraoperatorio, instalado no quirófano. Así mesmo a Consellería de Sanidade di que se traballa “na adquisición de dous novos ecógrafos, para dar servizo aos servizos de urxencias e radioloxía , coa previsión dun novo TAC, nos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022. Todo sumado a modernización do equipamento de farmacia e da dixitalización da sala de radioloxía”.

Tamén se informa da “renovación e modernización de todas as camas do hospital, licitación que se efectuará antes do remate deste mesmo ano, polo que agárdase que o novo mobiliario poda estar xa instalado a comenzos do ano que está as portas”.

Un novo xinecólogo e novos cirurxáns

Ademais Sanidade informa de que neste venres contratouse “a un cuarto xinecólogo que se suma así aos dous novos cirurxáns que se incorporaron os pasados días. Igualmente, desde a xerencia do distrito e da Área Sanitaria, trabállase en novas iniciativas que permitan acelerar a recuperación da actividade afectada pola pandemia, asi como pola falla puntual de determinados especialistas, incidencias que non son privativas deste hospital, senón que reflicten a fluctuación na demanda de determinadas especialidades, e que grazas á organización como Área Sanitaria se poden cubrir con garantías e coa coordinación dos profesionais da rede”.

Segundo Sanidade, pese “ás dificultades noutros períodos para completar vacantes, no Hospital Público de Valdeorras servizos como Hematoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolarongoloxía, Psiquiatría, Psicoloxía ou Microbioloxía, por citar algunhas das que se mencionaban, están ao 100% subliñando que dispoñen de tres anestesistas e que os próximos días pasarán a catro. Igualmente púxose en marcha a Unidade de Hospitalización a Domicilio, para o que se contratou a un médico, especialista en xeriatría, cunha de enfermeria a tempo completo. Igualmente, o persoal de enfermería tamén se incrementou cunha enfermeira especialista, no marco do Plan Galego de Saúde Mental”.

Artigos relacionados

Back to top button