CulturaCulturaÚltima hora

O humor toma Monforte co festival “A Rúa é Vosa”

Este certame cómico festivo achega 14 funcións para tódolos públicos do 12 ao 16 de agosto
A concelleira de Cultura de Monforte de Lemos, Marina Doutón, e o coordinador do terceiro festival cómico festivo “A Rúa é Vosa”, Aitor Rei, na presentación do cartaz desta edición.
A concelleira de Cultura de Monforte de Lemos, Marina Doutón, e o coordinador do terceiro festival cómico festivo “A Rúa é Vosa”, Aitor Rei, na presentación do cartaz desta edición.

A compañía “Kanbahiota” abrirá na praza España o 12 de agosto co seu espectáculo “Vaia Circo con tres personaxes circenses” o III Festival cómico festivo “A Rúa é Vosa” en Monforte de Lemos. Pola tarde, ás 20:30 horas, no mesmo escenario porán en escena elementos novidosos e espectaculares como os portes coreanos, os mastros chineses, clown… nunha proposta de acrobacias aéreas e risas.

Así se adiantaba o 10 de agosto na presentación do programa de actividades deste certame que se desenvolverá do 12 ao 16 deste mes. Neste acto participaban a concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón, e o coordinador do festival, Aitor Rei. Marina Doutón amosaba a súa ledicia porque “as rúas estean cheas de vida estes cinco días” e destacaba a variada oferta de espectáculos, pensados para todos os públicos.

Pola súa banda, Aitor Rei indicaba que na terceira edición deste certame, cunha moi boa acollida nos anos anteriores, mestúranse distintos tipos de espectáculos: o circo, a acrobacia, os monicreques e a danza, tendo como nexo común o humor. “A Rúa é Vosa” tense caracterizado “por levar ao público algo divertido, tanto a quen circula pola rúa buscando a función como a quen se atopa con ela de sorpresa. Pretendemos que sexa divertido porque cremos que as festas son para que a xente o pase ben e se evada da vida cotiá”, apuntaba Rei. Tamén incidía na idoneidade das producións deste ano, aptas para público infantil e adultos.

Tras as pezas de apertura do 12 de agosto, o xoves 13 haberá dúas propostas: a compañía Circo Cair cun espectáculo circense protagonizado por catro personaxes que realizan coreografías acrobáticas, excéntricas, con golpes e caídas caóticas que contrastan con coreografías máis visuais de danza e malabares. As funcións son ás 12:00 na rúa do Cardeal e ás 20:30 na Praza de España. En segundo lugar, ás 13:00 horas do mediodía e ás 19:30 horas da tarde, Títeres Alakrán ofrece a súa función de monicreques de cachaporra tradicional na que recuperan o personaxe galego máis popular do teatro de monicreques dos anos cincuenta: Barriga Verde. As dúas función serán na rúa do Cardeal.

O programa proseguirá o 14 de agosto con Títeres Mercromina que chegan con “Vacacións no mar”, un espectáculo de monicreques de luva adaptados ao público actual. Haberá sesión dobre ás 12:00 da mañá e ás 19:30 horas do serán. A outra representación do venres vén da man Do clown Nono que ofrecerá unha peza tenra con moito humor na que combina o mimo, os malabares e o clown, todo aderezado cun chisco de loucura. Ás 13 horas no Cardeal e ás 20:30 na praza de España.

“A Rúa é vosa” pechará o pano en Monforte o domingo 16 de agosto con Circo Chosco que representará, na rúa do Cardeal ás 12:00 e na praza de España ás 19:30 horas, un número mudo no que mestura comedia e circo con acrobacias, malabares, técnicas de portes e equilibrios. A última derradeira é a da compañía Malabreikers que cos personaxes de Tornillo e Beto, un dos mellores acróbatas de Europa, ofrecen unha representación con acrobacias e malabares. Será ás 13:00 horas no Cardeal e ás 20:30 horas na praza de España.

O programa do festival inclúe sete espectáculos que se ofrecen en 14 representacións, con sesións de mañá e tarde e que contan cun orzamento de 16.992 euros, subvencionados pola Deputación de Lugo, segundo se informa dende o Concello de Monforte.

Artigos relacionados

Back to top button