EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O I Concurso de Maridanza premia aos restaurantes barquenses Piquiño e Il Piacere

O acto de entrega destes galardóns, enmarcados nas Xornadas Gastronómicas do Entroido no Barco, tivo lugar na mañá deste venres na sede da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA)

Os establecementos de hostalaría barquenses premiados no I Concurso de Maridanza, celebrado dende o 28 de febreiro ata o 9 de marzo, veñen de recoller os seus galardóns na mañá deste venres, día 22 de marzo, no Barco.

Neste acto, recibiron os distincións pola maridanza con viño branco da Denominación de Orixe Valdeorras, os representantes do Restaurante Piquiño, co seu prato de bolos de vento de bacallau con coiras, harmonizado co “Godello sobre Lías Pedrazais” da Adega Alan de Val. Pola maridanza con viño tinto foi premiado o restaurante Il Piacere, coa súa proposta culinaria composta de canutillos de cecina con foie e confeitura maridada co viño “Mencía-Codos de Larouco” da Adega Viña Costeira. Ambos gañadores recibiron un trofeo, un diploma e unha caixa do viño da maridanza.

Entre os asistentes ao acto, atopábase Araceli Fernández, presidenta de AEVA; Joaquín Sánchez, presidente da Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras; Mª Ángeles Rodríguez, vicepresidenta da Asociación Centro Comercial Aberto; e Irene Dacal, concelleira de Turismo do Concello de O Barco. Todos eles quixeron felicitar aos premiados así como agradecer o labor, o esforzo e a dedicación dos oito restaurantes participantes que o xurado profesional valorou moi positivamente. Tamén resaltaron o apoio da xente así como a súa colaboración e confianza nesta nova iniciativa, que esperan que xere máis participación en edicións futuras.

O propósito deste proxecto piloto é relacionar a gastronomía co viño da D.O. Valdeorras, fomentar o coñecemento do sector vitivinícola do público e introducir aos restauradores nas técnicas de maridaxe, obxectivos que consideran cumpridos e que esperan que sexan de utilidade para promover a sinerxía da gastronomía co viño valdeorrés.

Fotos: Estefanía L. Roca

Artigos relacionados

Back to top button