CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Carlos Casares de Viana mantén un curso máis o “Club de Ciencia”

O programa arrancou esta edición cuns experimentos de electromagnetismo

Estimular o espírito científico entre o alumnado galego e ao mesmo tempo impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico. É a finalidade do programa “Club de Ciencia” que desenvolven neste curso nove centros da provincia de Ourense, entre eles o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, que repite por terceiro ano consecutivo.

Así o aseguran dende a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, engadindo que esta acción (que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020) chega este curso a un total de 91 centros de toda Galicia.

Os clubs, para os cales a Consellería destina 1.500 euros para cada centro, nacen como “un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas”, explican dende Educación. Neste sentido, a creación deste espazo no centro “pode converterse nun escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas que aumenten o interese dos participantes por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía”.

O proxecto ten que desenvolverse fóra do horario lectivo e nos espazos do centro docente que se consideren ou habiliten. Este horario deberá cumprir, como mínimo, unha media de catro horas ao mes, ata final do período lectivo e en Viana arrancou o 26 de setembro cuns experimentos de electromagnetismo.

Artigos relacionados

Back to top button