CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Carlos Casares de Viana participará no vindeiro curso no Programa CUALE

O instituto vianés é un dos 35 centros educativos aos que a Xunta autorizou a impartir cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras

Fachada principal do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. / Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de autorizar a 35 centros educativos a participar no Programa CUALE (cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras), cun total de 1.252 alumnos beneficiados, entre os que está o IES Carlos Casares de Viana do Bolo que impartirá clases de inglés para os niveis A1 e B1.

Ao abeiro deste programa (que este ano, ademais de inglés, francés e alemán, inclúe como novidade o portugués), o alumnado dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de Formación Profesional da comunidade pode preparar as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas (EEOOII) dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas. A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo.

O CUALE desenvolverase en catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que superasen todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade CUALE A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Por outra banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de Bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades CUALE B2 serán para o alumnado de Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas (EOI) ou outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartir o CUALE, docentes de ensinanza secundaria de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EOI, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

 

Artigos relacionados

Back to top button