Baixo a coordinación da profesora Monse Ulloa do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, o alumnado da materia de Cultura Científica de 1º de Bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo vén de iniciar un traballo de aprendizaxe-servizo, que ten como obxectivo “que os estudantes aporten parte do seu traballo coa fin de sensibilizar á poboación sobre o importante que é o consumo de plátano para fortalecer a economía da Illa da Palma, terriblemente afectada pola actividade volcánica continua que xa destruíu un millar de vivendas e moitas plataneiras”, explican dende o centro escolar.
O grupo está nunha fase de investigación que inclúe estudar a planta do plátano e o seu cultivo, así como os beneficios para a saúde que ten o consumo desta froita, por exemplo como pode ser o aporte de potasio. A seguinte fase do programa é a creación dunha campaña de sensibilización en TIK-TOK para tentar que a súa mensaxe se expanda.
Na mañá deste venres 8 de outubro facían unha fotografía colectiva cos plátanos de La Palma a xeito de sorriso “como homenaxe a todas e todos os damnificados, e como colaboración simbólica na recuperación da illa”.