CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Cosme López da Rúa incorpórase ao programa “Radio na Biblio”

Os tres novos centros seleccionados recibirán 2.000 euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación

Fachada principal do IES Cosme López da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tres centros educativos da provincia de Ourense (30 en toda Galicia), entre eles o IES Cosme López Rodríguez, da Rúa, veñen de incorporarse ao programa Radio na Biblio, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que ten como obxectivo “impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar”.

Os novos centros seleccionados recibirán 2.000 € de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación), para o que contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas. Pola súa banda, os centros que xa participaron en Radio na Biblio (11 na provincia de Ourense) en cursos anteriores e renovan recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

 

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos co de “favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe”. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

A experiencia dos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro. Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa durante o período de cese de actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor do covid-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.

Artigos relacionados

Back to top button