CulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo acolle un espectáculo científico

A actividade está enmarcada no programa do X aniversario da Galiciciencia organizada polo Parque Tecnolóxico de Galicia
Un dos momentos do espectáculo científico. /Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos momentos do espectáculo científico. /Foto: Carlos G. Hervella.

A Tecnópole, celebra este ano o X aniversario da Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, cun amplo programa de actividades que na mañá do 13 de marzo chegaba ata O Barco de Valdeorras.

Uns 150 alumnos de centros dos concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco e A Pobra de Trives asistiron no IES Lauro Olmo a un espectáculo científico que lles permitiu coñecer os fundamentos da luz a través de experimentos espectaculares. O espectáculo duns 55 minutos de duración fai un percorrido polas características da luz e polas tecnoloxías baseadas nelas, desde o microscopio ao LED pasando pola fibra óptica.

Os divulgadores científicos David Ballesteros e Carlos Pérez mostráronlles aos cativos os fundamentos dos fogos artificiais, que se logran mesturando diferentes metais (bario, potasio, etc.) para lograr diferentes lonxitudes de onda e, en consecuencia, diferentes cores. Ademais, explicáronlles por qué un raio láser pode atravesar o aceite de oliva pero non o refresco de cola, entre outras moitas cousas.

Os estudantes e profesores asistentes ao espectáculo foron informados tamén sobre as bases da Galiciencia que se celebrará entre o 18 e o 20 de novembro, para animalos a participar empezando xa a desenvolver os seus proxectos.

Asistentes á actividade celebrada no IES Lauro Olmo do Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.
Asistentes á actividade celebrada no IES Lauro Olmo do Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

Desde mediados de abril ata final de curso organizarase tamén unha ducia de cursos especializados para profesores en centros de toda Galicia, co obxectivo de capacitalos no método científico, de maneira que poidan apoiar aos seus alumnos na preparación de proxectos para participar tanto na Galiciencia como noutros certames. As inscricións neste curso, que terá lugar en horario de tarde, están abertas.

Aproveitando a celebración deste aniversario, Tecnópole lanzará tamén un concurso para deseñar a mascota oficial do evento. Todos os escolares galegos poderán presentar entre abril e xuño as súas ideas e a proposta gañadora cobrará vida durante a celebración da feira.

Artigos relacionados

Back to top button