En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O IES Lauro Olmo celebra as Letras Galegas cunha andaina literaria por lugares emblemáticos do Barco

Remataba coa lectura de textos de Antonio Fraguas na praza Andrés de Prada da vila e nela participaban uns 250 alumnos e uns 30 profesores

“O Barco ten historia. Atención! Xente Lendo!”. Este era o nome da orixinal actividade coa que o IES Lauro Olmo do Barco vén de celebrar neste mércores 15 de maio o Día das Letras Galegas. Por cuarto ano consecutivo este centro organizaba unha Andaina Literaria polas rúas do Barco, na que nesta ocasión participaban uns 250 alumnos e uns 30 profesores.

O percorrido comezaba ás nove da mañá e prolongábase ata ás 14h. O alumnado estaba organizado en cinco grupos cada un dos cales facía o mesmo traxecto, pero con diferente orde e con paradas en cinco lugares emblemáticos do Barco: Malecón, praza do Sagrado, Porto da Barca, Miradoiro da ponte de San Fernando, Finca da Cruz, Casa do Río Cigüeño e, finalmente, praza de Andrés de Prada.

En cada un destes puntos os estudantes daban lectura a unha serie de textos referentes á historia dese lugar, nalgúns casos elaborados por eles mesmos coa coordinación dos profesores, e noutros de autores valdeorreses como é o caso de Gustavo Docampo (“Polos Camiños do tempo”, ed. Positivas, 2018), Santiago Ferrer e outros (“Priorato de Xagoaza…”, Fundación Aquis Querquennis, 2009), Félix García Yáñez (“O Barco e a Terra de Valdeorras durante a República e o Franquismo (1931-1977)”, A Nosa Terra, 2005), José Antonio Gurriarán (“As mulleres do monte”, Galaxia, 2015), Ramón López Caneda (“Valdeorras en la guerra de la independencia”, IEV, 1989) e “Proxecto Nomes e Voces” (coordinador, Lourenzo Fernández Prieto, USC).

Arredor da unha da tarde, o total do alumnado participante na actividade congregábase na praza Andrés de Prada, no centro do Barco, onde poñía fin á andaina lembrando a figura de Antonio Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas do 2019, e coa lectura de fragmentos dos seus textos. Deseguido, os estudantes e profesores finalizaban o acto á beira do río Sil, no Malecón, cunha foto conxunta e berrando o nome da actividade: “Atención! Xente lendo!”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button