CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Lauro Olmo do Barco participa nas xornadas de Educación Dixital 20-21 organizadas polo CAFI

O traballo do dinamizador das novas tecnoloxías do centro, Alberto Vega, foi seleccionado xunto con doutros 16 docentes para formar parte dun panel de experiencias educativas dixitais

O IES Lauro Olmo do Barco é un dos centros que desenvolverá o programa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Representado por Alberto Vega, profesor de tecnoloxía e coordinador TIC do centro, o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras vén de participar nas xornadas de Educación Dixital 20-21 organizadas polo CAFI -Centro Autonómico de Formación e Innovación- da Consellería de Educación.

O traballo do dinamizador das novas tecnoloxías foi un dos dezaseis seleccionados para formar parte dun panel de experiencias educativas dixitais que pretende aportar ideas a todo o profesorado nun contexto no que a formación semipresencial e a distancia ten especial relevancia.

Aínda que a maior parte das experiencias dixitais achegadas estiveron dirixidas ao alumnado, o traballo do docente do IES Lauro Olmo estivo enfocado principalmente en axudar ao profesorado nun complicado inicio de curso. “Por iso dende o mes de setembro a maior parte de membros do claustro do centro traballou a distancia con varios curso-titoriais instalados na aula virtual do instituto e con contacto permanente mediante conexións semanais por videoconferencia”, explica o propio Alberto.

 

 

Rematado o traballo, a experiencia está aberta a toda a comunidade educativa galega a través do portafolio Agueiro. “O obxectivo de axudar aos compañeiros e compañeiras e por extensión ao noso alumnado e familias foi acadado, pero se pode servir de axuda a outros centros de ensino moito mellor”, asegura o autor.

O traballo, que trata de explicar como construír e dinamizar un espazo virtual de aprendizaxe no entorno corporativo moodle e como empregar as ferramentas de comunicación síncrona e asíncrona proporcionadas pola Consellería de Educación, está dispoñible en aberto e con licenza CC a través da páxina web www.ieslauroolmo.gal e da aula virtual do centro.

O obxectivo para o vindeiro curso, ademais da implantación do proxecto Edixgal no instituto, será elaborar unha guía TIC para alumnado e familias en formato de pequenos vídeos, agardando contar coa colaboración da comunidade educativa do centro e de calquera que queira achegar o seu gran de area ao proxecto.

Artigos relacionados

Back to top button