CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O IES Lauro Olmo do Barco protagoniza a última xornada do reto “21 Días co Galego e + 2021”

O instituto barquense propuxo unha viaxe a outras épocas, lugares e culturas a través da palabra escrita

 

Coa proposta do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras “Xeografías lectoras” que convidou a viaxar a outras épocas, lugares e culturas a través da palabra escrita, concluía hoxe, día 21, a terceira edición do programa de dinamización lingüística “21 Días co Galego e +”, o reto coa lingua galega ao que se sumaron hai tres semanas máis de 3.000 alumnos de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP, que se comprometeron a “falar só en galego durante as 24 horas do día nas 21 xornadas de duración que marca a iniciativa, tanto dentro coma fóra da contorna escolar”.

Dez centros de ensino, entre eles o instituto barquense, pechan así unha ampla e intensa programación desenvolta durante máis de 500 horas. “Concluímos por terceira vez e con grande éxito de participación o programa, no que lle agradecemos o esforzo do profesorado, nomeadamente aos equipos de dinamización da lingua galega”, sinalou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García, quen destacou “o grao de implicación na iniciativa de toda a comunidade escolar e das familias, nun compromiso amplo co coñecemento, visibilización e dinamización social da lingua propia de Galicia, do que nos sentimos satisfeitos porque é o que se necesita para impulsar conxuntamente o uso do galego pola mocidade en todos os ámbitos máis alá destes 21 días que hoxe rematamos”. “Sodes o futuro da lingua galega, estamos orgullosos de vós”, concluíu.

 

Clausura do programa “21 Días co Galego e +”.

 

“21 Días co Galego e +” é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en “21 Días co galego”, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, tivo os seus inicios no IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), da man da profesora de lingua galega e literatura Pilar Ponte. A iniciativa, centrada no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo e recibiu o premio da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia na modalidade de Lingua.

A terceira edición do programa fíxose eco do seu desenvolvemento no blog 21 Días co galego e +, desde onde foi seguido por todos os participantes. Nel está colgado o vídeo do IES Lauro Olmo que tamén se pode ver aquí.

 

Artigos relacionados

Back to top button