EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O IES O Ribeiro contará no vindeiro curso co ciclo superior en Vitivinicultura

O instituto de Ribadavia xa conta co ciclo medio de FP en Aceites de Oliva e Viños entre a súa oferta educativa
Vendima no Ribeiro. /Foto: Carlos G. Hervella.
Vendima no Ribeiro. /Foto: Carlos G. Hervella.

No curso 2016/2017 o IES O Ribeiro (Ribadavia) incrementará a súa oferta formativa coa incorporación do ciclo de Formación Profesional de grao superior en Vitivinicultura, implantado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o explicaba o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia celebrada na mañá do 14 de abril (en resposta a unha pregunta do deputado César Fernández).

Segundo adiantou Corredoira, o obxectivo principal desta nova oferta educativa é “abrir novas posibilidades ao alumnado da zona que teña en posesión o título de Bacharelato, ofrecendo a posibilidade de continuar a súa formación nesta familia a todos aqueles alumnos que teñan rematado o ciclo medio de Aceites de Oliva e Viños, de tal forma que os estudantes poidan acadar a especialización nun sector que está en crecemento”.

Neste sentido o director xeral lembrou que os viños das catro denominacións de orixe da provincia de Ourense tiveron un incremento nas súas exportacións no 2014 de entre un 5 e un 15% con respecto ao ano anterior. En concreto a D.O. do Ribeiro “conta con 2.800 hectáreas de viñedo localizadas en 14 concellos, entre os que está Ribadavia, e ten inscritas 110 industrias e ata 5.812 produtores que fabrican máis de 7 millóns de litros ao ano”, dixo.

Artigos relacionados

Back to top button