CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Xermán Ancochea da P. de Trives prepárase xa para o vindeiro curso

A presentación de solicitudes para FP será a partir do 25 de xuño; e o prazo ordinario para ESO e Bacharelato do 1 ao 10 de xullo

 

Fachada do IES Xermán Ancochea. /Foto cedida.

 

Despois dun ano académico atípico, co último trimestre sen clases presenciais pola pandemia do coronavirus, no IES Xermán Ancochea Quevedo, da Pobra de Trives, comezan a prepararse para o vindeiro curso. Un curso no que manterán a súa ampla oferta formativa. Por unha banda, a ensinanza de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato, nas modalidades de ciencias, humanidades e ciencias sociais; e, por outra, ciclos de Formación Profesional da familia de electricidade e electrónica. Nesta última, o alumnado pode cursar estudos de Ciclo Medio de Instalacións Electrotécnicas e Automáticas ou o Ciclo Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados, así como unha FP básica de electrónica e electricidade.

 

Taller de FP no IES Xermán Ancochea /Foto cedida.

 

Outra perspectiva do taller. /Foto cedida.

 

É precisamente na rama da Formación Profesional Eléctrica na que este instituto trivés se ten convertido en todo un referente, cunha historia que se remonta setenta anos atrás. Durante os anos 50 e 60 do século XX a empresa Saltos do Sil iniciou e culminou a construción dun gran número de encoros, convertendo á comarca Terras de Trives nun importante referente da enerxía hidráulica a nivel nacional. “A partir desta actividade o principal obxectivo era pór en marcha as centrais e dotalas dun capital humano cualificado”, explican dende o IES Xermán Ancochea. Así nace unha escola, impulsada pola propia empresa, para formar a futuros traballadores en Montefurado, sendo no ano 1961 cando se crea o centro de Formación Profesional Virgen de la Luz dentro do Colexio Santa Leonor de Trives, no que se impartían diversas ensinanzas entre as que destacan as de  electricidade e electrónica (pre aprendices, aprendices, oficiais e mestres industriais).

 

Alumnos de Formacion Profesional nun dos talleres. /Foto cedida.

 

Esta escola pasa a ser coordinada polo Ministerio no curso 1976-77, como sección delegada do Instituto de Formación Profesional A Carballeira de Ourense e dous anos despois créase o Centro de Formación Profesional da Pobra de Trives. A partir de 1998 prodúcese a unificación dese centro e o antigo Instituto de Ensino Secundario, baixo a denominación de IES Xermán Ancochea Quevedo que chega ata a actualidade.

 

Biblioteca escolar. /Foto cedida.

 

Neste 2020, ano marcado pola pandemia, os prazos de matrícula para ESO e Bacharelato no instituto trivés irán do 1 ao 10 de xullo para a convocatoria ordinaria; e do 1 ao 10 de setembro para a extraordinaria. No caso da presentación de solicitudes para a FP, poderán facerse a partir do 25 de xuño.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close