CulturaCultura

O II Abril Oteriano afondará na obra e pensamento de Otero Pedrayo

Otero Pedrayo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe, 28 de abril no Liceo de Ourense na apertura das xornadas do II Abril Oteriano, onde apelou a Ramón Otero Pedrayo como “referente e símbolo de digna fidelidade á causa da lingua galega nos bos e nos malos tempos” e expresou a súa satisfacción pola celebración “destas xornadas que serven á vez para renderlle homenaxe, para afondar no coñecemento da súa obra e para divulgar o seu pensamento”. Acompañárono na mesa inaugural o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, e mais o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.

A Fundación Otero Pedrayo, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Liceo de Ourense, organiza por segunda vez o seu Abril Oteriano, que se iniciou o pasado 2 de abril cunha misa na Catedral de Ourense e cunha visita ao Cemiterio de San Francisco .

Tras o acto de apertura, desenvolvéronse as mesas redondas “Otero Pedrayo e as letras clásicas” e “Obra inédita e dispersa”. A primeira estivo coordinada por Xesús Alonso Montero e nela participaron Xosé Manuel Vélez, Patricia Arias Chachero e Cristina Souto Diéguez. A segunda estivo coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e nela debateron Maribel Outeiriño, Xosé Manuel Salgado e Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Mañá, sábado 29 de abril, a sesión matutina celebrarase tamén no Liceo de Ourense coa mesa “Otero Pedrayo e a educación” que, baixo a coordinación de Patricia Arias Chachero, contará coas intervencións de Carlos L. Bernárdez e de Camilo Valdehorras.

Xa pola tarde, a actividade trasladarase á Casa Grande de Cima de Vila, en Trasalba, onde o profesor Alonso Montero impartirá o relatorio “Biografía e represión (1936-1948)”. A xornada chegará ao seu cabo coa proxección do documental “Pelerinaxes” e o posterior debate con Simone Saibene, director da cinta. Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén unha colaboración estable coa Fundación Otero Pedrayo mediante un convenio entre ambas entidades para o estudo e a preservación da obra do autor ourensán.

Artigos relacionados

Back to top button