CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O II Concurso de Fotografía da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras homenaxea a Ramón García “O Ragar”

A entrega de premios tiña lugar nun acto celebrado no Centro Cultural Avenida onde permanece aberta a exposición de fotos

 

“Descanso e viño” de Raquel Díaz Jiménez (1º premio Godello); “Un grolo no camiño” de Arsenio Blanco Gayoso (2º premio Mencía); e “Camiño ou cubeto” de Adolfo Fernández Docasar (3º premio Garnacha). Son as imaxes ganadoras da II edición do Concurso de Fotografía da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras cuxos premios se entregaban na tarde deste xoves 10 de decembro no Centro Cultural Avenida da Rúa.

Tal como explicou o presidente da asociación, Joaquín Sánchez, o Camiño de Inverno que atravesa a comarca de Valdeorras é un dos potenciais desta zona, por iso este ano quixeron render homenaxe a unha persoa fortemente vinculada coa ruta xacobea, ademais de da fotografía. “O ano pasado o concurso estivo adicado a Horacio Fernández Presa e este ano quixemos adicarllo ao fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Ramón García, máis coñecido como O Ragar”, dixo Joaquín contando que lembraba dende que era pequeno, velo “sempre coa cámara de fotos, cunha serenidade que me chamaba a atención, e un flash impresionante, sempre ollando que captar imaxes”.

 

Os tres premiados co presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras.

 

Do homenaxeado tamén falou a actual presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, quen recoñeceu “ter a gran fortuna de atoparme con Ragar en Roblido onde nos coñecimos máis, aínda que foi o meu fotógrafo da infancia para enviar as fotos aos nosos emigrantes espallados polo mundo, e sobre todo nas Festas do San Antonio”. Asunción lembrou que pudo coñecer a súa parte máis humana. “Para min foi un mestre peregrino porque o que máis me ensinou e segue ensinándome e ese amor tan grande que lle ten ao Camiño de Santiago e concretamente ao de Inverno. El máis que ninguén fixo o camiño das estrelas, o camiño do río dourado. El máis que ninguén levou na súa mochila o ingrediente principal do ser humano, o camiño entre o ceo e terra, ese pegamento que todo o une, o amor”, concluía a poeta.

 

Imaxes de Ramón García “O Ragar”, de novo coa cámara de fotos.

 

Ao acto, co que tamén se inauguraba a exposición coas fotos participantes no concurso e unha escolma da obra fotográfica do Ragar, non asistía o homenaxeado por temas de seguridade ante o Covid, pero si contaba coa presenza de parte da súa familia, especialmente os seus tres fillos que recollían no seu nome o detalle por parte da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, así como membros da asociación do Camiño de Inverno, entre outros.

A mostra poderá visitarse os venres, sábados e domigos durante as horas de apertura do cine, durante un mes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button