OurenseÚltima hora

O II Piano Meeting encherá Ourense de concertos na rúa

O cartel estará formado por 20 músicos seleccionados no concurso aberto ata o 23 de xullo
Imaxe da primeira edición da Piano Meeting./ Foto: Carlos G. Hervella.

A finais do mes de setembro a cidade de Ourense volverá converterse no maior auditorio de Galicia ao aire libre coa chegada do II Festival Piano Meeting. Como paso previo, convócase o concurso no que poden participar pianistas de ata 35 anos, para optar a formar parte dos músicos que compoñerán o cartel do certame.

O Piano Meeting 2018 celebrarase a finais do mes de setembro e contará coas actuacións dos 20 músicos seleccionados na fase de concurso. Os concertos terán lugar ao aire libre en espazos emblemáticos da cidade e o festival incluirá tamén obradoiros para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ao tempo que se permite a participación de espontáneos que se animen a tocar.

 

Presentación da Piano Meeting 2018 que se celebrará en setembro.

Os interesados en participar terán que enviar un vídeo e o seu currículo antes do día 23 de xullo. O xurado, composto por Miguel Vizoso, profesor do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Nuria Díaz Mera, profesora do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, e Javier Otero Neira, pianista e director artístico do festival, seleccionará aos 10 mellores, que terán a ocasión de tocar no festival.

O xurado seleccionará, ademais, outros 20 aspirantes, entre os que o público, a través das redes sociais, escollerá outros 10 participantes. As bases completas poden consultarse en www.pianomeeting.com.

 

Artigos relacionados

Back to top button