ConcellosÚltima hora

O III FIC Vía XIV, que xa ten cartel anunciador, recibe 1.261 curtas de 55 países

A imaxe promocional desta nova edición do certame, que se celebrará en decembro, é obra de Aurora López Pérez, natural de Albarellos de Monterrei

 

Imaxe da presentación do cartel do FIC Vía XIV de Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

Tras esgotarse o prazo de presentación de traballos o pasado 11 de outubro o Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín vén de recibir un total de 1.261 traballos procedentes de 55 países dos cinco continentes. Curtas que optarán a participar na terceira edición deste certame, que se celebrará entre o 1 e o 9 decembro. A partir de agora o equipo organizador do FIC encargarase de seleccionar aquelas obras que mellor encaixen nas catro categorías da mostra: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova.

As curtas que aspiran a participar no festival proceden de países tan diversos como España, Portugal, Brasil, Arxentina, Colombia, Perú, Venezuela, Sudáfrica, India, China, Japón, Corea do Sur, Australia, Tailandia ou Taiwán, entre moitos outros.

Dende a organización do certame verinés agárdase que “a calidade dos traballos que se exhiban durante os nove días de certame sexa igual ou superior á das dúas primeiras edicións do concurso. Neste sentido, varias das curtas programadas o pasado ano foron distinguidas, posteriormente, en diferentes convocatorias de premios e certames tales como os Goya ou Sundace ou seleccionadas para os carteis oficiais de festivais de recoñecido prestixio internacional tales como San Sebastián, Toronto, Rotterdam ou o New York Film Festival, entre outros”.

O cartel do III FIC Vía XIV

Ademais a organización dese festival vén de desvelar a imaxe do seu cartel promocional. Trátase dun deseño de Aurora López Pérez, natural de Albarellos de Monterrei, cuxa idea gráfica se sustenta na mirada do espectador. “Quixen involucrar ao que mira, ao que desfruta do cinema, cunha mirada que é global e que é feminina, porque neste 2018, no Ano das Mulleres, non podería ser doutro xeito”, afirma a autora do cartel.

 

Cartel desta terceira edición do festival.

 

Xunto a isto, a figura feminina que protagoniza o cartel, e que evoca a unha medusa, leva tatuadas na pel diversas verbas directamente relacionadas co FIC Vía XIV: as categorías do certame. Deste xeito, ponse en valor directamente o festival e a súa programación “porque só se tatúa aquilo que se considera importante”, conclúe López Pérez.

Artigos relacionados

Back to top button