CulturaCulturaÚltima hora

O ilustrador ourensán David Rubín será o autor do cartel do 26 OUFF

A 26ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) celebrarase do 24 de setembro ao 2 de outubro de 2021

 

A organización do Festival de Cine de Ourense (OUFF) está traballando arreo coa vista posta no vindeiro outono, no que se celebrará a 26 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). En concreto, desenvolverase do 24 de setembro ao 2 de outubro de 2021.

Este ano a Fundación Carlos Velo, que colaborou nas tres últimas coa Deputación de Ourense, asumirá máis protagonismo na organización do OUFF mantendo o mesmo equipo. Agora mesmo estase a traballar para, nos vindeiros días, dar a coñecer as bases da competición de Sección Oficial.

A primeira novidade para este 2021 é o autor do cartel promocional, que será David Rubín (Ourense, 1977), historietista e animador ourensán, considerado un dos máis prestixiosos do panorama estatal e internacional. Daralle unha imaxe renovada para a 26 edición do OUFF, segundo adianta a organización.

Rubín súmase así a unha longa lista de artistas de Ourense que asinaron o cartel do OUFF. Nos ultimos tempos, o pintor Baldomero Moreiras foi o encargado de deseñar o da edición do pasado ano, a do 25 aniversario; no 2019, Alexandro fixo o cartel da sección “Cine e auga” mentres que no ano anterior, o deseño do cartel recaera no deseñador carballinés Suso Obenza.

 

Artigos relacionados

Back to top button