En portadaÚltima hora

O incendio de Ribas de Sil afecta a arredor de 1.000 hectáreas

Incendio en Ribas de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Continúa activo o incendio forestal que se iniciaba na mañá de onte, ás 12:47h., en Ribas de Sil e que, posteriormente, se estendía cara Quiroga. Arredor das 10:30h. o incendio estaba perimetrado, pero aínda non estabilizado, tal e como comentaban dende os servizos de extinción, que tamén destacaban a complexidade do lume, que afecta a Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón.

Esta mañá reincorporábanse tamén os medios aéreos as tarefas de extinción. Segundo as últimas medicións feitas públicas pola Consellería do Medio Rural, o lume afecta xa a arredor de 1.000 hectáreas.

Neste lume continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva, unha situación operativa declarada inicialmente pola proximidade do lume ao núcleo de Rairos e que se mantén por precaución.

Ata o momento mobilizáronse para controlalo 7 técnicos, 17 axentes, 49 brigadas, 22 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén se incorporaron ao longo da noite medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanece tamén activo o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 33 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

O fumes destes incendios chegaba onte a Lugo e esta mañá Valdeorras espertaba tamén cuberta por este fume, tal e como pode verse nestas imaxes.

Artigos relacionados

Back to top button