En portadaÚltima horaVídeos

O incendio de Ribas de Sil, que evoluciona de forma favorable, chega ás 1.450 hectáreas queimadas

Está "perimetrado en toda a súa extensión e a punto de dalo por estabilizado", segundo informa o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez

Foto: @BrifMarroxo.

 

De “favorable” cualifícase dende a Consellería do Medio Rural a situación do incendio forestal que se iniciaba onte en Ribas de Sil, e logo afectaba a Quiroga e A Pobra do Brollón. Ademais Medio Rural actualiza a superficie afectada, que rolda as 1.450 hectáreas, segundo as últimas medicións.

Este lume continúa en Situación 2, unha medida preventiva declarada inicialmente pola proximidade do incendio ao núcleo de Rairos e que se mantén por precaución.

O lume comezou ás 12:47 h. de onte e permanece activo. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 8 técnicos, 18 axentes, 64 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros. Tamén participan nos labores de extinción persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

“O incendio vai moito mellor con respecto á xornada de onte, que foi un día no que o lume correu moi rápido, cun incendio difícil, topograficamente está nun espazo moi complexo e cunha masa forestal adulta e basicamente de coníferas, e con condicións ambientais moi duras de vento e humidade; pero a situación hoxe mellorou moitísimo”, explicaba o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Tamén adiantaba que o incendio “está perimetrado en toda a súa extensión e a punto de dalo por estabilizado”.

A chuvia que se está a rexistrar na zona tamén está a contribuír á mellora da situación.

Nogueira

Permanece tamén activo o lume iniciado ás 21,42 h. do domingo neste mesmo concello, parroquia de Nogueira. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 140 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 6 técnicos, 17 axentes, 35 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

 

 

Imaxes do incendio de Ribas de Sil esta mañá.

Vídeo cedido, agradecemos a cesión destas imaxes.

 

Artigos relacionados

Back to top button