En portadaÚltima hora

O incendio de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) leva queimadas 400 hectáreas

No caso de Pradoalbar (Vilariño de Conso) o lume afecta a unhas 40 hectáreas, segundo Medio Rural. O sur de Lugo rexistra 5 lumes

Incendio en Riodolas (Carballeda de Valdeorras)./ Imaxe cedida.

 

O lume segue golpeando de cheo á Galicia interior. Así, segundo vén de facer público a Consellería do Medio Rural (con datos recollidos ata as 14h. deste venres) hai 5 incendios na provincia de Ourense e outros 5 na parte sur da provincia de Ourense que superan as 20 hectáreas.

A situación dos incendios forestais é a seguinte:

Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Rexistrado un incendio ás 6,57 h. desta mañanciña no concello de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo novas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballan 1 axente, 5 brigadas, 2 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Riodolas (Carballeda de Valdeorras)

Permanece activo desde as 22,09 h. de onte o incendio en Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas. No seu control participan 1 técnico, 5 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 1 avión e 3 helicópteros.

Seceda e 2 lumes en Vilamor (Folgoso do Courel)

Decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Gamiz, na parroquia de Santalla, no concello limítrofe de Samos. Este lume iniciouse á 1,40 h. desta madrugada. Segundo novas estimacións, afecta unha superficie de 200 hectáreas. No lugar están traballando 4 axentes, 5 brigadas, 2 motobombas e 2 avións. Está solicitada tamén a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Carballal, na propia parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. de onte. Segundo novas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas. No lugar están traballando 4 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero. Está solicitada tamén a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanece tamén activo o outro lume rexistrado no concello de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba onte ás 20,25 h. da tarde. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 92 hectáreas. No seu control traballan 7 axentes, 7 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 2 avións e 1 helicóptero.

Quiroga

Permanece activo desde as 20,29 h. de onte o incendio no concello de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo novas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. No seu control están traballando 1 técnico, 7 axentes, 6 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 2 avións.

A Pobra do Brollón

Permanece activo desde as 20,37 h. de onte o lume no concello da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que afecta unha superficie provisional de 65 hectáreas. Están traballando no seu control 2 técnicos, 2 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Cualedro

Permanece estabilizado desde as 3,45 h. da madrugada un lume no concello de Cualedro, parroquia da Xironda, tras comezar ás 19,03 h. de onte. Segundo novas estimacións, afecta unha superficie de 40 hectáreas. No lugar levan traballado ata o de agora 3 axentes, 9 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 1 avión e 5 helicópteros.

Melón

Permanece estabilizado desde as 14,29 h. de onte o lume rexistrado no concello de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participan 17 axentes, 28 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 3 avións.

Ribadavia

Tamén permanece estabilizado desde as 14,29 h. de onte o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezara ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 26 axentes, 57 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 5 avións.

Artigos relacionados

Back to top button