ConcellosÚltima hora

O incendio de Seadur (Larouco), extinguido

Os veciños deste pobo valdeorrés tiveron que se desaloxados na noite do 11 de agosto por un lume que afectou a unhas 400 hectáreas

Helicopteroapagando2857

Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Tecnicamente non se podía dar por controlado pola mañá, pero o lume forestal que dende a tarde do domingo 11 de agosto ameazaba ao pobo de Seadur (Larouco) “está estabilizado, xa non ten lapas no perímetro e estase regando cos helicópteros e coas brigadas para intentar evitar eses puntos quentes que aínda quedan no incendio”. Así o confirmaba a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Facíao na mañá do 12 de agosto no propio pobo valdeorrés de Seadur, desde o Posto de Mando Avanzado no que se coordinan as tarefas de extinción, e acompañada polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e polo alcalde de Larouco.

Quintana cifrou a superficie afectada polo lume nunhas 500 hectáreas, segundo os datos preliminares, e destacou tamén que na súa extinción traballaron todos os medios dispoñibles e sinalou que “en principio, o perigo pasou”. Deste xeito ás 13:03 horas de hoxe quedaba desactivado o nivel 1, decretado onte ás 20:30 horas pola Consellería do Medio Rural como medida preventiva pola súa proximidade aos núcleos de poboación.

O lume iniciábase onte ás 17:20 horas na parroquia de Vilanuíde (Quiroga) e afectaba de seguido á parroquia de Seadur, no concello ourensán de Larouco. Pasadas as dez da noite, e ante a cercanía das lapas a Seadur os veciños foron desaloxados das súas casas.

“Ao ver que se aproximaba o lume ás vivendas, dende a propia consellería aconsellouse desaloxalas, os veciños estiveron concentrados na praza do pobo ata a 1:30 h. ou 2h. da madrugada para que non corresen perigo. Sobre as catro da mañá, aproximadamente, xa estaba controlado”, sinalaba Joaquín Bautista Prieto, alcalde de Larouco. Neste pobo residen durante o ano unhas cen persoas, se ben nestes meses de ano a poboación triplícase pola presenza de familiares que veñen pasar as vacacións.

O lume tamen afectou a algúns viñedos “que están próximos ao monte”, engadía o rexedor, quen tamén lembraba que había moitos anos que o municipio de Larouco non sufría un incendio destas características. Ademais o fume e as cinzas do incendio desprazáronse ata concellos veciños como A Rúa, Vilamartín e O Barco de Valdeorras, que espertaron na mañá do luns no medio dunha gran fumareda.

Finalmente Medio Rural daba por controlado o incendio ás 20:11 horas da tarde do 12 de agosto. Nos traballos de control deste lume participaron 4 técnicos, 29 axentes forestais, 69 brigadas, 26 motobombas, 2 palas, 9 helicópteros, 8 avións e efectivos da UME, segundo a información da consellería.

O 14 de agosto ás 17:01 horas a consellería daba o lume por extinguido e daba a cifra provisional de 400 hectáreas de superficie afectada.

Texto: A.R. Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button