ConcellosÚltima hora

O incendio de Valdeorras segue activo pero xa non ameaza a núcleos de poboación

Desactívase o nivel 2, o mesmo que nos de Folgoso do Coure e A Pobra do Brollón

Imaxe do incendio forestal esta tarde por riba de Viloira (O Barco)./ Foto: A.R.

 

Valdeorras comeza a respirar unha certa tranquilidade logo de días moi duros, marcados polo paso das chamas por algúns núcleos de poboación e pola ameaza que se cernía sobre diversas poboacións da comarca e mesmo doutras próximas como o Puente Domingo Flórez.

Esta tarde desactivábase o nivel 2 por proximidade a núcleos de poboación, polo que agora o incendio, que segua activo, pasa a nivel 1. Este lume, que segundo os datos da Consellería do Medio Rural, se iniciaba o pasado xoves en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e se estendía o domingo ao Barco e o luns a Rubiá, leva queimadas unhas 10.500 hectáreas de superficie.

A Xunta tamén desactivaba a Situación 2 nos lumes de Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel-Seceda, ambos na provincia de Lugo.

No caso de Folgoso do Courel-A Pobra de Brollón, esta situación operativa de emerxencia foi declarada o pasado xoves, día 15, pola proximidade aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso) e Busto (A Pobra do Brollón). No que atinxe ao incendio de Folgoso do Courel-Seceda, esta situación preventiva mantíñase tamén declarada dende ese mesmo día pola proximidade do lume ao núcleo de Gamiz.

Estes dous lumes continúan activos, afectando, respectivamente, unha superficie de 10.000 e 1.100 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais, malia que a súa evolución favorable fixo posible a desactivación da devandita situación operativa de emerxencia.

Artigos relacionados

Back to top button