SanidadeÚltima hora

O inicio da alimentación complementaria dos bebés, nunha charla online o 9 de febreiro

Esta acción divulgativa será organizada pola Asociación De Nai a Nai

 

Cunha acción divulgativa estrea o seu programa de actividades neste ano 2022 a Asociación de Nai a Nai, grupo de apoio á lactación materna de Valdeorras. Así o vindeiro mércores 9 de febreiro impartirase, ás 17:30 h a través de Zoom, unha charla informativa sobre o inicio da alimentación complementaria. A ponente desta conferencia, de asistencia gratuíta, será Alicia García Rodríguez, unha nai experimentada na alimentación autorregulada.

“Os primeiros anos dun bebé están cheos de cambios e etapas que requiren que as nais e os pais esteamos a aprender e informándonos constantemente, e a introdución de alimentos máis aló do leite é un dos temas que máis dúbidas xera, tanto antes de comezar como unha vez que xa empezamos”, sinala a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada.

Así mesmo, Prada indica que pese a que “hai moitísima información dispoñible, é inevitable que nos xurdan preguntas e dúbidas que non sempre sabemos como resolver, e as experiencias doutras nais poden servirnos de gran axuda e inspiración. As incógnitas poden ser de todo tipo, desde como recoñecer un atragoamento e como actuar ata que tipo de alimentos son os ideais para comezar ou que tipo de reaccións podemos esperar que teña o noso bebé ante os alimentos sólidos”.

Con esta charla, De Nai a Nai pretende achegar “información valiosa que pode ser útil para as nais, pais ou coidadores cuxos bebés están a piques de embarcarse (ou xa se embarcaron) na aventura da alimentación complementaria”.

O enlace para poder asistir á charla é o seguinte:
https://us02web.zoom.us/j/87115921091?pwd=TExRbFZoRVUvNFh0d0NFb0FybGNwZz09

Artigos relacionados

Back to top button