CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O instituto de Viana celebra o “Día Carlos Casares”

Os actos contaban coa presenza de responsables da Fundación Carlos Casares e do secretario xeral de Política Lingüística, que clausuraba a xornada

Comezaba a impartir docencia “e a vivir a súa primeira experiencia como profesor” en terras vianesas. Lembrábao Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, no instituto no que décadas atrás o escritor iniciaba a súa traxectoria como docente. Era un dos participantes, xunto do secretario da fundación, Gustavo Garrido, nos actos do “Día Carlos Casares”, que se celebraba o 11 de maio no centro vianés.

A xornada iniciábase cunha charla-coloquio a cargo do profesor Alfonso Monxardín arredor do tema “Casares e a provincia de Ourense”. Tras a conferencia, tiña lugar a lectura dunha carta enviada pola escritora Inma López Silva, onde esta recolleu as súas lembranzas do escritor homenaxeado. E logo interviñan os responsables da Fundación Carlos Casares.

Antes da clausura, a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García , tivo lugar tamén a lectura da acta do concurso de relatos “A vida éche un conto” e mais do certame de debuxo do IES, que contaron cunha ampla participación do alumnado.

No peche dos actos, Valentín García felicitaba ao instituto pola iniciativa de honrar, co nome escollido para o centro e con esta celebración, a un autor “tan relevante como Casares” e quixo lembrar, a canda as súas facetas de “renovador da narrativa galega”, de editor e de xornalista, a de “parlamentario que traballou con entusiasmo a prol da Lei de normalización lingüística, esa lei que garante a igualdade dos galegofalantes e dos castelanfalantes en todos os ámbitos da vida”.

Tamén calificaba de “marabillosa” a iniciativa de organizar este acto “nun centro moi significativo para Carlos Casares e nun centro moi dinámico que leva o seu nome.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

Artigos relacionados

Back to top button