ConcellosÚltima hora

O IV Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil xa ten ganadores

O texto “Estántiga” do cántabro Alberto Rodríguez Guerrero facíase co primeiro premio do certame, mentres que o segundo recaía en Rosario Fernández por “Al Alba”
Imaxe do acto de entrega de premios dunha edición anterior deste concurso de Parada de Sil./ Foto cedida.

Por unanimidade decidía o xurado do IV Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil os galardóns desta edición. O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, correspondíalle ao relato titulado “Estántiga”, escrito “en galego e sendo polo tanto a primeira vez que o primeiro premio vai a un relato neste idioma. Alberto Rodríguez Guerrero xa ten participado en varios concursos de microrrelatos”, sinala o concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Paco Magide.

O segundo premio (500 euros) foi para a valenciana Rosario Fernández Ginés co traballo titulado “Al Alba”. É licenciada en Dereito e autora de microrrelatos e micropoemas en varios ámbitos. O xurado acordaba ademais conceder un accésit ao microrrelato “Cambalache” doutro valenciano, José Ramón Martínez, autor entre outros de dúas novelas, a última publicada o ano pasado co título de “La compra de la torre de la vela.”

O xurado deste concurso (patrocinado por Eugenio Pérez, natural de Parada de Sil e residente en Madrid) estaba formado polos profesores Edelmiro Vázquez, Arturo Fernández e presidido por Antonio Carreño. Os seus membros manifestaban “a alta calidade dos máis de seiscentos relatos presentados e a súa dificultade para a selección despois de longas deliberacións”.

A alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome, agradece o “traballo desinteresado do xurado” e adianta que os premios entregaranse o día 17 de maio na celebración das Letras Galegas no concello de Parada de Sil.

Artigos relacionados

Back to top button