En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O IV Serán da Seitura de Manzaneda rende homenaxe á cantareira Ludivina Pérez

O acto contou coa inauguración do monumento na súa memoria na praza da Igualdade

 

Na tarde deste sábado 31 de xullo, a vila de Manzaneda reencontrábase coa música de raíz. E facíao tras un complicado ano marcado pola pandemia, coa IV edición do Serán da Seitura que se celebraba na praza da Igualdade. Un emotivo acto no que se rendía homenaxe a Ludivida Pérez Ricoi, protagonista do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives e cuxos cantares están soando actualmente en Radio Clásica. “A voz de Ludivina é un referente a nivel nacional polo que queremos honrar á figura da cantora da seitura personificada nela coa inauguración dunha estatua na súa memoria”, en palabras de Xosé Lois Foxo, principal impulsor desta homenaxe.

 

Actuación do grupo de acordeóns de Manzaneda.

 

O acto, presentado por Asun Rodríguez Adá e ao que acudían unha morea de veciños e familiares de Ludivina, comezaba co descubrimento da estatua elaborada en mármore na súa honra, mentres soaba un dos seus cantares. Tal como explicou o propio alcalde de Manzaneda, Amable Rodríguez, tamén presente no acto, o obxecto de celebrar o evento ao aire libre en lugar da igrexa como en edicións anteriores, era dar a posibilidade aos veciños de asistir, podendo manter as medidas sanitarias anticovid.

 

Aquilino de Vidueira xunto ao resto de cantores da seitura.

 

Así, trala inauguración do monumento comezaba o acto propiamente dito cunha sentida actuación da violinista María Rodríguez, neta da homenaxeada. Despois actuaban os grupos de acordeóns Airiños da Porta Falsa e de gaitas do Concello de Manzaneda, continuando o certame coas Cantareiras da Real Banda e destacados informantes do Cancioneiro da Seitura de Manzaneda e Terras de Trives: Consuelo e Clotilde de Placín, Aquilino de Vidueira (os tres do concello de Manzaneda), Jacinta de Lentellais (O Bolo) e Fiuca de Trives. O broche musical ao acto poñía a Real Xuvenil interpretando o Himno do Antergo Reino de Galicia.

 

O viúvo de Ludivina xunto ao monumento en memoria da súa muller.

 

O programa musical desta fin de semana en Terras de Trives continúa a partir das 23 horas na Estación de Montaña Manzaneda coa Noite Celta que contará coas actuacións do Grupo Bágoas do Toxo, da Banda de gaitas El Gumial de Asturias e das Cantareiras da Real Banda.

 

Grupo de gaitas do Concello de Manzaneda.

 

E xa mañá, a partir das 11 horas celebrarase no campo de competición de Cabeza de Manzaneda, a final do XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que inclúe ademais o concurso de gaiteiros solistas e bastóns de mando e a ofrenda floral ante o monumento de Don Gabino García.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button