OurenseÚltima hora

O IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas estará adicado a Os Trabazos

O festival celebrarase o vindeiro 19 de xaneiro en Castro Caldelas no marco na Festa dos Fachós
Rosendo Fernández, Sara Inés Vega e Xosé Lois Foxo, na presentación do certame.

Castro Caldelas, municipio que foi recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España, acollerá o vindeiro sábado 19 de xaneiro, o IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que reunirá a 500 gaiteiros de diferentes bandas procedentes de Ourense, Lugo e A Coruña.

A presentación deste evento cultural tiña lugar na mañá do 15 de xaneiro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, coa asistencia do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; da alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; e do director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

Tal como explicou Rosendo Fernández, o certame será presentado polo “decano do periodismo radiofónico de Galicia, Luis Rial”, dixo, destacando a traxectoria do evento que ten un marcado “carácter didáctico e de transmisión dos valores culturais, sendo un dos encontros máis importantes de España a nivel da gaita”. De feito, “xorde no ano 2011 coa filosofía de servir de verdadeira canle cultural ás bandas de gaitas de toda a Península Ibérica, sendo un complemento educativo ao ensino recibido na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”, explicou o vicepresidente do goberno provincial.

Pola súa parte, a alcaldesa de Castro Caldelas dixo que para o seu municipio é unha “honra acoller este evento enmarcado na Festa dos Fachós, porque isto supón un plus engadido á celebración, ao mesturar nun mesmo evento a música do certame e a etnografía da festividade”. Asemade, Sara Inés Vega destacou que para ela é “un orgullo dobre esta celebración porque ademais de contar cunha ampla representación do mundo da gaita, o certame estará dedicado a Os Trabazos de Castro Caldelas, construtores da música da gaita”.

A IX edición deste certame comezará ás 11:30 horas e contará coa participación de nove bandas de Ourense (Os Trabazos de Castro Caldelas, A Tarazana, Preparatorio, Ladies Band, e as Bandas de Gaitas dos Concellos de Riós, Bande, Vilariño de Conso, O Carballiño e Xinzo de Limia-B). De Lugo participará a banda municipal de Chantada e a Devandoira Infantil; e da Coruña a banda Agarimo de Catabois.

A partir das 13:30 horas, actuarán as bandas de 1º Grao comezando pola de Lugo, Devandoira; de Ourense, actuará a Real Xuvenil; e rematará a banda do Concello de Monforte de Lemos, de Lugo. Posteriormente, ás 14 horas, será a entrega de diplomas e medallas, e ao remate, todas as bandas interpretarán conxuntamente o Himno do Antergo Reino de Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button