OurenseÚltima hora

O IX Circuíto Correndo por Ourense comeza en maio e estenderase ata outubro

A primeira carreira polos barrios será o 5 de maio polo Vinteún
Presentación do circuíto no Concello de Ourense.

Seis carreiras populares por outros tantos barrios da cidade, para atletas de todas as idades e niveis competitivos. Esta é a proposta do circuíto Correndo por Ourense, que organiza o Consello Municipal de Deportes, co reto de contribuír a que a veciñanza “teña novas oportunidades de practicar actividade física de xeito regular, adquiran un verdadeiro hábito que os achegue a unha vida máis saudable, e de paso se preparen para a gran cita do mes de novembro, a Popular de San Martiño”, segundo sinalou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Esta novena edición comezará no mes de maio, cunha dobre cita: nos barrios do Vinteún (día 5) e do Couto (día 25, proba nocturna). Continuará o 30 de xuño, polo centro da cidade; o 8 de setembro, na zona universitaria; o 29 de setembro, na Ponte; e rematará o domingo 20 de outubro, na Carballeira.

Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web www.deportesourense.com. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba. Ten un custe de 7€ (para as 6 carreiras) para as categorías sub18, sub23, sénior e máster. Para as demais categorías será gratuíta.

Todas as carreiras darán comezo ás 11 horas, agás a nocturna do Couto ás 22 horas. As probas pertencen ao calendario da Federación Galega de Atletismo e están controladas polo Comité Galego de Xuíces e cronometradores da FGA (Delegación de Ourense), e para optar á clasificación final será preciso participar en, polo menos, 5 carreiras.

En palabras da directora do evento, Marta Míguez, “trátase dun circuíto que cada vez conta con máis participantes e cunha maior presenza feminina. Así, dos 1.500 participantes do pasado ano, preto dun 35% foron mulleres”.

Artigos relacionados

Back to top button