DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O kick boxing incorpórase ao programa de deporte base do Barco de Valdeorras

A presentación das actividades para nenos e adultos da vindeira tempada tiña lugar diante do mural contra o machismo, no campo de fútbol de Calabagueiros

O machismo e a violencia de xénero é un tema que preocupa á sociedade en xeral e un problema ao que non son alleos no Concello do Barco de Valdeorras. Por iso este ano, na segunda tempada de elaboración de murais, organizada pola concellería de Sanidade, fixeron un alusivo a este tema nas bancadas do campo de fútbol de Calabagueiros cunha mensaxe moi clara “O machismo fóra de xogo”. E foi precisamente diante dese mural onde o concelleiro de Deportes do Barco Aurentino Alonso, acompañado pola técnica Kissy Torres, presentaba as actividades da vindeira tempada para o deporte base e as Escolas Deportivas Municipais para Adultos.

 

Mural contra o machismo no campo de fútbol de Calabagueiros.

 

Dentro do deporte base, que ofertan os diferentes clubs patrocinado polo Concello en función do número de nenos, son moitas as actividades propostas. Dende fútbol, fútbol sala, voleibol ou zumba ata atletismo, pasando por ballet, piragüismo, karate, baloncesto, tiro con arco, ciclismo e patiñaxe-hoquey patíns. As dúas últimas incorporáronse o ano pasado e están xa consolidadas, e este ano incorpórase unha nova, kick boxing, “un deporte que está moi de moda porque é moi completo”, asegura o concelleiro de Deportes, adiantando que este ano esperan igualar ou superar os 700 nenos que participaron na campaña deportiva do ano pasado.

E con respecto ás actividades para adultos, mantéñense as que había do ano pasado (adestamento funcional, ximnasia aeróbica, ximnasia de mantemento, pilates, ioga, deporte de 1ª hora, baile de salón e zumba), ademais da ximnasia de mantemento que se fai durante o verán no pavillón vello (martes e xoves de 10:30 a 11:30h.) de forma gratuíta e sen necesidade de anotarse previamente “para darlle continuidade á xente que quere seguir facendo deporte xa que as escolas van do 1 de outubro ao 5 de xuño”, di Aurentino. O ano pasado foron máis de 500 as persoas que participaron neste programa e a matrícula é de 70 euros por tempada.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button