EntrevistasÚltima hora

“O labor dun xuíz de atletismo é bastante complexo”

Montserrat Barrio é responsable dos xuíces na Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo

 

Montserrat Barrio, delegada dos xuíces de altetismo en Valdeorras./ Foto: A.R.

Dende o 2011 Montserrat Barrio Rodríguez é a responsable do comité de xuíces da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA). Coordina a tres auxiliares e a uns vinte xuíces: 7 de nivel I e o resto autonómicos. “Detrás de cada proba hai moito traballo previo e posterior de organización de todo o equipo de xuíces, que moitas veces non ve se. O labor dun xuíz é bastante complexo, é algo que che ten que gustar”, resalta. Ademais de xuíz de nivel I, Montserrat Barrio forma parte do panel B de dirección técnica e de marcha da Federación Española de Atletismo.

Cando empezou como delegada, ¿era habitual en Galicia que este posto o ocupase unha muller?

Ao principio eramos poucas, pero agora a maior parte das delegadas de xuíces somos mulleres.

¿Por que son necesarios os xuíces nunha proba atlética?

Non é posible desenvolver unha competición sen eles. Para que iso poida funcionar debe haber un xuíz do panel de fotofinish encargado da súa montaxe e colocación para así realizar a cronometraxe electrónica nas carreiras, sen el os tempos non serían válidos e menos os récords. Necesítase un director técnico, función que en Valdeorras normalmente fago eu, que homologue os artefactos e certifique que son válidos para competir, porque danche de todo. Hai que ter colocadas as zonas de concursos, os sectores, as zonas de altura e lonxitude, de triple, as chegadas… Todo isto debe estar listo para que cando chege o atleta simplemente teña que actuar. Os protagonistas son os atletas, nós estamos nun segundo plano, temos que vixiar que as cousas vaian como teñen que ir. Se é nulo, é nulo, se é marcha e corre, pois corre… Validamos o seu traballo. A diferenza dun árbitro de fútbol, que chega e xa ten todas as raias pintadas, en atletismo cada un ten que asumir o seu cometido.

¿Cando comezan os xuíces a preparar unha competición?

En canto se sabe a data eu designo a un director de reunión que, en funcion do horario e das probas, determina os xuíces necesarios. No caso dunha carreira popular ou dun cross iso tamén depende do circuíto e dos sitios que haxa que cubrir. A partir de aí, ves os xuíces dos que dispós na delegación e, se non hai suficientes, entón pídelos a outras. Tres ou catro días antes da proba necesitamos saber os xuíces cos que contamos para poder facer o xurado, é dicir, o posto no que vai estar cada un. E logo o día da competición hai que asegurarse de que todos cheguen, de que saiban ben onde están, hai que ver se acabaron nun punto e poden axudar noutro para axilizar, etc. En cada especialidades acostuma haber un xuíz principal, pero se se produce algún problema debe chamar ao xuíz árbitro, que é o que decide. Ao rematar, o xuíz árbitro sempre está pendente ata que saen os resultados por se hai algún problema. E o director técnico tería que encargarse de recollelo todo, pero normalmente isto é algo que facemos entre todos.

Pese á responsabilidade e ao traballo, ¿isto engancha?

Si, pero tenche que gustar. Cando vou á pista, aínda que chegue saturada por problemas, alí esquézome, é algo que me encanta. Ao mellor chegas cansa e sen ganas, poste a traballar e, despois, cando ves que sae todo ben, por moito esforzo que supoña, dache unha gran satisfacción. Ademais hai unha convivencia moi bonita cos compañeiros xuíces, e en cada proba gústame mellorar e aprendo moito deles. Na delegación tamén se forma a novos xuíces… Si, os que son auxiliares teñen opción de ser xuíz, para iso fan un curso que normalmente imparto eu. Despois pódese facer o exame de xuíz territorial (nivel galego), e se hai un número suficiente en Galicia, o de xuíz nivel I, que xa é ámbito da federación española. Ese é o nivel que teño eu. Aos dous anos podes acceder ao nivel II a través dun exame, e logo está o nivel III, (antigo xuíz árbitro), tamén con exame teórico. Se o aprobas, mándante a unha competición de clubs e aí examínate outro xuíz árbitro.

¿Gustaríalle seguir subindo na escala de xuíces?

Quero presentarme ao nivel II. Hai dous anos non puiden ir, a ver se por fin á terceira vai a vencida. De momento quero aprobar ese nivel e logo xa veremos porque o nivel III véxoo moi difícil. O que si me gustaría é que fosemos máis na delegación valdeorresa, que veña máis xente, que empece por ser auxiliar e logo se presente ao exame. Eu animaría á xente a que dese ese paso se lle gusta o atletismo porque fas amizades, coñeces sitios…

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button
Close