En portadaÚltima hora

O lado humano do mundial de basket feminino

A familia de Lucas Mondelo vivíu en primeira persoa o fito histórico da selección española
Lucas Mondelo e a súa prima Paula, mordendo a medalla de prata. Foto cedida por Paula.
Lucas Mondelo e a súa prima Paula, mordendo a medalla de prata. Foto cedida por Paula.

Na noite do domingo 5 de outubro, a selección feminina de baloncesto dirixida por Lucas Mondelo facía historia ao convertese en subcampiona do mundo en Turquía. Nunca tan lonxe chegaran, cun xogo, unha ilusión e unha enerxía dignas dunhas campionas.

Horas antes, na cancha do Fenerbaçe Arena de Estambul, as xogadoras españolas daban o mellor de si mesmas, baixo a atenta ollada do adestrador de orixe valdeorresa. Neses momentos toda a atención de Mondelo estaba posta no xogo, en todas e cada unha das súas xogadoras. E no público, entre as miles de persoas que seguían a final do mundial de basket feminino en terras turcas, a familia do seleccionador español non perdía detalle, berraba, saltaba, asubiaba atenta a cada pase, cada contra, cada canasta… Os pais, Lucas Mondelo Vázquez e Charo García León; os primos, Martín García Arias, Paula García Anta e Tere García Rodríguez; e o tío, Pedro García León. Todos como a familia que son, ademais de grandes afeccionados ao baloncesto e seguidores da carreira deportiva do técnico, compartiron con todo o equipo a experiencia, ata o momento, única. Malia non lograr a medalla de ouro que finalmente levaba EE.UU. trala gran final a festa sería apoteósica, pois o equipo español lograba con creces o seu obxetivo e a familia de Mondelo, desprazada en Turquía disfrutaba do momento, o culmen de dez intensos días de expedición.

A familia dos "Carecas" trala final do mundial. /Foto cedida por Paula.
A familia dos “Carecas” trala final do mundial. /Foto cedida por Paula.

A aventura mundialista da familia de Lucas Mondelo comezaba o 26 de setembro ás sete da mañá, momento no que os tres primos e o tío partían dende O Barco de Valdeorras rumbo a Ankara onde disfrutaron de moitos e bos partidos.

Pero non todo foi deporte xa que a idea dos “Carecas” do Barco de Valdeorras era facer tamén unha viaxe cultural. Así pois dependendo do horario dos partidos, as tardes pasábanas no pavillón animando en todo momento ao equipo pero as mañás eran para as visitas, e viron todo o que puderon. Entre os lugares máis destacados o Castelo de Ankara ou a tumba do Rei Midas.

Despois de seis días na capital de Turquía, o 2 de outubro a expedición barquense desprazábase ata Estambul para comezar a fase final. Despois de eliminar a China as de Mondelo pasaban a semifinais coas anfitrionas como rivais. Nese partido, ateigado de seguidores turcos (preto de 11.000 persoas) que facían tremer o estadio, outras dúas persoas se incorpaban á afección española: os pais de Lucas. “Non puden velo ata o día seguinte” di Charo, pero unha vez alí “foi fabuloso”. Para Charo foi moi emocionante atoparse co seu fillo e ver os partidos especialmente o de Turquía-España “foi impresionante todo o mundo berrando, coas bandeiras, foi moi intenso e xa cando ao final vin ao meu fillo dinlle un apretón tan forte…” di.

A nai de Lucas, Charo García León. /Foto: Carlos G. Hervella.
A nai de Lucas, Charo García León. /Foto: Carlos G. Hervella.

Charo queda sen palabras para expresar o que sentíu “foi unha experiencia única porque era o meu fillo o que estaba alí, ademais a min gústame moito o baloncesto porque Lucas xogou dende os 7 anos ata que foi júnior e nós sempre fomos con el”. Aínda así, esta era a primeira vez que Charo e Lucas se viron nesta situación e o pai, gran seguidor do traballo do técnico, “disfrutou como nunca. Vive intensamente o baloncesto e están moi unidos” di. De feito a propia Charo asegura que o seu fillo é moi familiar e esa familiaridade soubo trasladala ao equipo tanto técnico como deportivo “as xogadoras están moi unidas e nunca houbo rivalidade entre elas” de feito levan xuntas moito tempo e malia xogar en equipos diferentes, no mundial foron unha piña.

A viaxe, para estas seis persoas remataba o 6 de outubro co regreso ao Barco, tendo en mente a próxima cita para ver a Mondelo e ás súa rapazas: o europeo 2015 en Hungría “onde deberá clasificarse para as Olimpiadas” di Charo, aínda emocionada.

Pedro, Charo e Paula na redacción de O Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.
Pedro, Charo e Paula na redacción de O Sil. /Foto: Carlos G. Hervella.

Dende o Periódico O Sil, querémoslle agradecer á familia dos “carecas” e especialmente a Paula, as colaboracións que fixeron connosco, así como a demostración de barqueases nun campionato do mundo, a través da bandeira do Barco con detalles da familia, que deu a volta ao mundo nas fotos da Fiba cando enfocaban ao público de España.

Felicitar tamén publicamente ao adestrador do equipo español de baloncesto feminino Lucas Mondelo polo seu traballo e os logros conseguidos, pois é toda unha honra que xente da nosa terra triunfe no mundo. Estamos seguros de que este éxito forma parte da carreira ascendente que lle espera. Moitos éxitos!

E para rematar, unha aperta para Lucas pai e Charo, por ser os maiores fans de Lucas adestrador.

Artigos relacionados

Back to top button