En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O latexo ancestral do Entroido fai vibrar Trives

Trece folións enchían cos seus toques a vila o 24 de febreiro no desfile que leva organizando dende hai quince anos o Folión Os Labregos

Aínda queda unha semana para os días grandes do Entroido, pero o certo é que a festa facíase sentir de xeito especial na tarde do 24 de febreiro en Trives. Máscaras, bombos, gadañas e cornas enchían do latexo máis ancestral do Entroido á vila. Un total de trece folións participaban no encontro que dende hai xa quince anos organiza o Folión Os Labregos (coa colaboración do Concello) e que congrega a gran cantidade de persoas.

 

O desfile partía arredor das catro dunha espléndida tarde dende a Finca da Barreira, para despois enfiar en dirección ao casco vello, pasando pola rúa San Martín, e despois xunto á praza do Pilón para, finalmente, rematar na praza do Reloxo. O primeiros en tocar eran os membros do folión anfitrión, Os Labregos, precedido polos saltos e as carreiras dos seus Boteiros. Despois ían os Arrieiros de Petín, o folión trivés A Lardeira, Os Viticultores (Vilamartín), A Caniceira (Trives), o de Chandrexa de Queixa, a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, o folión da Veiga cos Charrelos, o de Buxán coas danzas das súas Máscaras, o de Manzaneda tamén cos bailes das Mázcaras, As Maceiras (Trives) e o Folión de Carracedo da Serra (A Gudiña). O desfile pechábao o folión de Fradelo (Viana do Bolo).

 

Recoñecementos polo 15º aniversario

Esta era ademais unha edición especial e Os Labregos querían celebrala cun agradecemento aos folións que ao longo destes quince anos teñen participado neste encontro. Así ao final do desfile o presidente de Os Labregos, Javier Rodríguez, facía entrega a cada dos representantes dos folións asistente dun cadro conmemorativo desta edición. Tamén se entrega un recoñecemento ao Concello de Trives, recollido pola edil de Cultura Isabel González, a Luis Álvarez, como autor dos carteis que ilustran o encontro, e ao Periódico O Sil polo súa cobertura do mesmo.

A organización do encontro ofrecía unha merenda aos participantes nesta xuntanza de Entroido no pavillón polideportivo trivés.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button